O pasado día 23 dirixinme ó Palau núm. 1, da Fira de Barcelona en Montjuïc, no que se estaba a celebrar o II Saló del Llibre de Barcelona. Xunto coa entrada, asequible onde as haxa (2 €), recibo dous libretos, un coa relación de expositores e o outro coa axenda de actividades. Folleando o primeiro, decátome de que hai un stand do Consello da Cultura Galega, polo que me dirixo cara a alí, de paso vou lendo a axenda de actividades do día: non teño moitas opcións, pois son xa as 19.10 h. e o peche das portas está previsto para as 20.30, pero de súpeto chámame a atención un acto en concreto: "Literatura Beatles", "Conferencia-coloquio a cargo de Jordi Tardá e Pete Best, primeiro batería dos Beatles. Concerto coa Pete Best Band."... Comeza en 15 minutos..., valoro uns instantes as dúas opcións, e por fin decídome sen ningún xénero de dúbidas: Santiago sempre estará á man, en cambio Liverpool... Confío en que o señor Ramón Villares saiba dEsculpar tamaña irreverencia. Por César del Caño.
Os organizadores teñen acondicionada ó efecto unha esquina do pazo, un espazo pechado de xeito provisorio ó que nomearon Teatre Bertolt Brecht. Entro e collo un asento nas derradeiras filas de cadeiras. Sorpréndeme a reducida concorrencia (unhas cen persoas) se temos en conta a envergadura que tiveron e seguen a ter os Fab Four. Hai xente absolutamente de tódalas idades e castes, e pouco a pouco vaise desenvolvendo un ambiente xeral que poderiamos definir como de "bo rolo"; a conversa xorde de xeito espontáneo, aínda entre persoas e grupos que non se coñecen de antes. A pesar de que os fans dos Beatles cóntanse por millóns, todos cremos compartir algo moi especial.
Permanecemos á espera uns minutos, ata que, con puntualidade británica, van entrando no escenario unha serie de persoas: primeiro unha a quen identifico inmediatamente, trátase de Jordi Tardà, locutor, coleccionista, promotor artístico, e coordinador do acto; ven seguido doutra a quen non coñezo (logo infórmannos de que se trata dun experto no tema). Mentres van aparecendo, as cabezas do público móvense frenéticas dun lado a outro, estirando os pescozos, outeando para non se perder detalle... Fugaces bisbares: "és aquest?", "no", "quin és?", "calla!"... O terceiro persoeiro faise esperar uns segundos, ata que... aí o temos!... a pesar dos anos, o pelo branco e unha amenaza de calvicie, non resulta difícil recoñecer ó mito. Moi alto, encollido sobre si mesmo, un medio sorriso como cansado, ollada de esguello, e un característico leve balanceo simiesco que as sobadas fotos non puideron plasmar.
Séntase á carón do anfitrión e crava os cóbados nas pernas, nunha postura que poucas veces vai cambiar ó longo do coloquio. Leva unha botella de auga na man, érguea cara a ó público iniciando un breve brinde, acompañado dun xesto de testa, pero ninguén responde; dende o momento en que apareceu non se ouven máis que as lonxanas voces abovedadas do salón do libro, e aínda máis lonxe, o balbordo da cidade; parece que ninguén respire...
É un momento máxico. Temos ante nós nada menos que a aquel que, por decisión allea, sen dereito a réplica e nin tan sequera "unha pequena axuda dos seus amigos", ficou cravado ás mesmísimas portas da gloria, etiquetado como "o gran perdedor". Para sempre.
Nese intre pasei da compaixón ó respecto. Respecto polo home; por ter o valor de se botar a súa historia as costas, presentarse ante nós, insaciables coleccionistas de espantallos, e satisfacer o noso morbo contando unha e outra vez a súa desgraciada historia: que foi o primeiro batería dos Beatles, entre 1960 e 1962, e que xusto antes de que a beatlemanía caese coma un manto sobre o mundo mundial, un inesperado xiro do destino decretou que o cuponazo non sería para el senón para Ringo Starr.
Jordi Tardà rompe o espeso silencio coas primeiras verbas de apertura e presentación, dando paso seguidamente a quenda de intervencións que han configurar o anunciado coloquio, facendo as veces de tradutor.
A primeira pregunta que sae do público refírese á súa valoración sobre influencia que exerceu o produtor George Martin sobre o grupo. A este respecto Best non engade ren que os afeccionados non saibamos xa: que era un home, dende o punto de vista musical, cuns conceptos moi claros, etc.
A pesar de que, por respecto, reprimo o instinto morboso de lle facer as preguntas fatídicas, non todos os asistentes están dispostos a perder a viaxe, así que a primeira delas acaba por se ouvir:
- P/ "Como dixeriu que os Beatles prescindisen de vostede?". (Quen é capaz de formular unha pregunta así, ou é un despiadado ou simplemente é que non dá máis).
Pete Best, baixa canso a testa, inicia un levísimo sorriso, e por fin responde xenerosamente:
- R/ "Ó principio foi moi duro, pero co tempo todo se vai suavizando".
Unha vez chegados a este terreo, as seguintes preguntas precipítanse soas, encadeadas... previsibles:
- P/ "Cal foi a razón?".
- R/ "Esa é a pregunta que máis veces me teñen feito", di. Polo visto quen lle comunicou a noticia foi o mánager, Brian Epstein, a quen seica lle custou moito atopar as verbas axeitadas. -"Un día, despois de tocar en The Cavern" explica, "chamoume á súa oficina e díxome que os outros queríanme fóra da banda; que iso era todo. A razón que me deu foi que Ringo era mellor batería". Dito isto último, apoia os cóbados nas pernas ollando ó chan, queda uns instantes calado nesa postura, logo ladea a testa arqueando unha cella nun xesto moi característico seu e asegura: "that isn’t truth" ("iso non é certo"), e aínda o repite unha segunda vegada baixando un pouco a voz.
- P/ "Cal foi entón a auténtica razón?"
Elude contestar. Di que está xa canso de dar respostas que nin el mesmo coñece, que a día de hoxe todo aquilo carece de importancia, e que o mellor é que nos concentremos na actualidade, no concerto que a Pete Best Band vai dar a continuación.
Sobre este espiñoso tema, son varias as razóns que todos eles teñen dado, dependendo de a quen se lle pregunte, polo que, parece lóxico deducir que, como en case todo na vida, non hai unha única causa senón varias.
A versión máis estendida, quizais porque o mesmo Pete, a pesar da aparente prudencia exhibida durante o coloquio, se encargou de repetila ata a saciedade, refírese a os supostos celos que os demais sentían, debido a que el era o favorito das fans.
Díxose tamén que Pete non acabou nunca de encaixar no grupo, que era de mente máis lenta ca os outros, menos ambicioso, menos estudante. Que, ó contrario dos demais, nunca tivo o convencemento de que aquilo ía realmente en serio. Que estaba máis pola labor de alternar e relacionarse ca pola da arte en si.
Ademais, segundo as súas propias palabras (La Vanguardia, 22/11/06), parece ser que, debido á súa afección a xolda e ás mulleres, a miúdo adoitaba faltar a ensaios e concertos. Debido a isto, en numerosas ocasións houbo de ser substituído polo mesmo Ringo.
Outra das causas que se teñen barallado é a de que ó produtor, George Martin, non lle gustaba o seu xeito de tocar. Este parece ser o detonante máis directo, de feito, segundo a versión de MacCartney e Lennon, a cadea de acontecementos foi a seguinte: Martin comunicoulle ós Beatles (á marxe de Pete) a súa intención de cambiar de baterista, insistindo ata convencelos, e estes, por evitar unha confrontación desagradable con Best, encargáronlle a papeleta ó mánager, Brian Epstein.
Se a todo o anterior lle engadimos certo ar de autosuficiencia e mesmo un lixeiro toque de farfallanería simpática, que se percibe despois de observar in situ a Pete Best (o seu xeito de expresarse, suxerir sen dicir, moverse, tocar, etc.). Se mesturamos todo iso, axitamos e aderezamos cunha pinga de adolescencia, coido que habería saír un cóctel do que poder deducir con bastante fidelidade o ambiente e as circunstancias nas que aconteceron os feitos.
En calquera caso, segundo verbas de Lennon, "ó principio non supuxo ningún trauma especial para Pete; foi co paso do tempo que todo se magnificou", a raíz da grande proxección do cuarteto. Se as cousas houbesen sucedido ó revés, é dicir, se fose Best quen tivese acadado o éxito pola súa banda, e os Beatles se houbesen quedado no intento, é máis que probable que el mesmo lles tivese dado as grazas por telo expulsado.
- P/ "Volveu vostede ter contacto cos Beatles despois daquelo?"
- R/ "Cando lanzaron Anthology pedíronme colaborar, pero dende entón non os volvín ver. Xa non queda ren de qué falar con eles"
Ós dereitos millonarios pola edición de Anthology, nos seus formatos CD e mais libro, cómpre engadir os ingresos polo DVD Pete Best of The Beatles (2005), editado por el mesmo, e polos libros The Beatles, The True Beginnings (2002), escrito xunto con seus irmáns Roag e Rory, e mais The Best years of the Beatles (1999) co-escrito por Pete e mailo xornalista Bill Harry.
Por outra banda, o Casbah Coffee Club situado nun soto do West Derby de Liverpool, onde os Beatles, aínda co nome The Quarrymen (aínda que ás veces, fóra de Liverpool, adoitaban cambiar de nome), deron os seus primeirísimos concertos, recibiu o Grao II na recomendación de conservación de sitios históricos da English Heritage (Herdanza Británica). A designación implica que o local, hoxe único na súa especie, aínda cos seus equipos e pezas de arte orixinais, é de "arquitectura especial e interese histórico" e non pode ser derrubado. O club fora creado no seu momento por Mona Best, nai de Pete, no soto da súa casa de estilo vitoriano, polo que el é o actual propietario.
Así que, a fin de contas, parece que Pete Best ten máis motivos para estar agradecido ós Beatles que non ó contrario.
Formúlanlle diversas preguntas máis de tipo técnico que teñen que ver coa marca de instrumento empregado por este ou aquel en tal ou cal concerto; outras referentes a algunha que outra anécdota, en concreto a famosa que se conta sobre o feito de teren sido deportados de Hamburgo por teren eles queimado un condón á porta da sala na que tocaban. Sobre esta última asegura que todo é absolutamente certo.
- P/ "Na xira por Australia do ano 1964, Ringo Starr foi substituído por Jimmy Nichols, a causa dunha enfermidade. Por que non o chamaron a vostede, tendo en conta que era quen mellor coñecía o repertorio do grupo, e quen mellor se podía adaptar ó xeito de tocar de Ringo?"
- R/ "Quizais porque o que querían en realidade era alguén que tocase coma Ringo, non mellor". Risas e aplausos.
Pasada media hora de coloquio e, de xeito repentino, dáse este por rematado. Jordi Tardà pídenos un pouco de paciencia, que en breve ha comezar o concerto.
Fannos agardar durante media hora e ás 20’30 exactamente saen os membros da banda. A formación consta de seis integrantes: guitarra solista, guitarra rítmica, baixo, voz solista e dúas baterías: unha delas tocada polo propio Pete, e a outra polo seu irmán e mánager, Roag, quen forma parte do grupo por cumprir un desexo expreso de súa nai, Mona.
As bases (percusións e baixo) están representadas por antigos músicos do Liverpool dos 60, é dicir que "estiveron alí", e o resto (guitarras e cantante) son de nova xeración, todos eles bos cantantes que van intervindo unhas veces como solistas, e outras como coro.
Pete anúncianos o concerto como "unha viaxe no tempo cara ó xenuíno son do Liverpool de comezos dos 60". E así é. O seu repertorio está integrado por aquelas cancións que constituíran o repertorio habitual dos Silver Beatles, durante a época na que el era aínda o seu batería. Deste xeito, como sacadas do fondo dun baúl, van soando: Roll over Beethoven, Rock’n’roll music, Twist & Shout, One After 909, Bésame mucho (co seu curioso e característico "Cha-cha-pum")... Tamén soa, como non podía ser doutro xeito, My bonnie (a primeira canción gravada polos Beatles, como grupo acompañante do cantante Tony Sheridan, en 1960), momento no que tódolos asistentes, convidados polo cantante do grupo, nos erguemos case que nun acto reverencial, para participar na interpretación, que realizamos co seu cambio de ritmo orixinal (comezando como vals lento para continuar cun frenético twist).
Tal e como xa nos tiña avisado Pete, a banda recupera a vella filosofía harmónica que, entre moitas outras características, diferenciou ós Beatles por enriba do que se estaba a facer naquel intre, é dicir: interpretacións a trío, unhas veces, e solista cun colchón coral de tres voces, outras.
En xeral, a Pete Best Band, é un grupo cun potentísimo directo, formado por músicos que se agarran ó escenario cunha solvencia, seriedade e entrega anovadas que reclaman dende os primeiros acordes o respecto de todos; so así é posible facer saltar dos seus asentos, a golpe de manidas pezas de museo, a un público, a metade do cal comeza xa a ter dificultades para se recuperar deste tipo de atrevementos nocturnas.
Ó fío da, inevitable, comparación artística de Pete Best con Ringo Starr, e aproveitando o privilexio de podelo escoitar en directo; aínda aceptando, en parte, as limitacións que se lle teñen achacado a Starr, coido que Best carece da unidade de estilo, o equilibrio e o sólido ritmo daquel. Por outra banda, abusa en exceso dos pratos, chegando por momentos a saturar o ouvido. Por non falar da súa actitude autosuficiente e distante do evento artístico e a súa falta de entrega, que contrasta coa forza irresistible do resto da banda.
En tres ocasións, exercendo o seu papel de "reliquia", érguese da batería para dirixir unhas verbas ó público. As dúas primeiras veces que o fai agradécese, xa que, por causa da ineficacia do técnico de son (ignoro se posto pola organización), os nosos ouvidos sofren os efectos dunha sonorización estridente e descompensada. En cambio, cara á metade do concerto, parece que por fin logra dar co significado das verbas Channel e Level, e aquelo comeza a soar de certo.
Pero xusto cando todos nos esquecemos xa do protagonista e comezamos a desfrutar do espectáculo, Pete volta a se erguer para realizar unha terceira disertación, o cal frea o ritmo do espectáculo. Este momento é aproveitado por Tardà para lle facer entrega dun agasallo con velas incluídas, xa que, ¡donas e cabaleiros, Pete Best, diante dos nosos ollos, cumpre 65 anos! Apagado de velas cun único sopro, apertas e aplausos. O concerto continúa de xeito brillante, sen interrupcións, ata a apoteose final, na que ninguén fica sentado nin quedo.
A cola para os autógrafos e fotos non se fai esperar. De súpeto, non sei como nin de onde, comezan a aparecer vellas fundas de históricos vinilos inatopables que os seus propietarios esgrimen como tesouros protexidos con esmero, para seren só profanadas pola sinatura do mito saído das tebras.
Eu so teño o programa da Feira do Libro. Non me parece digno dun Beatle, nin propio de alguén que, coma min, pretenda dar unha imaxe de tipo comprometido, alonxado das frivolidades do mundo. Así que opto por marchar. Acaso non abonda con ter visto ós Beatles por 2 €?.
Con todo, coido que non houbese estado de máis ter levado unha cámara...
Fontes:
- The Beatles, Guía completa de canciones. W. J. Dowlding. Celeste. Madrid, 1995
- The Beatles, Antología. The Beatles. Ediciones B. Barcelona, 2000
- Los Beatles. Alain Dister. Ediciones Júcar "Los Juglares". Madrid, 1972
- The Beatles, complete scores. Hal Leonard Corporation. USA, 1993
- El primer batería de los Beatles afirma... La Vanguardia digital, 22/11/2006.
- John Lennon, o perfil do héroe melancólico. Camilo Franco. La Voz de Galicia, 9/12/2005.
- The Beatles. Wikipedia, la Enciclopedia Libre.
- http://www.visitliverpool.com/