"Estamos en contra dunha deriva protagonizada pola actual direción do BNG cara a posicións acomodaticias que desvirtúan o carácter do nacionalismo galego", afirma Rosario Fernández Velho, quen encabeza a candidatura da Alternativa. Na súa opinión, exemplo desa situación é a proposta da dirección actual de "negarlle a libre presenza de todos os militantes nas próximas Asembleas Nacionais" e a intención "de que se elimine a figura do Presidente do Consello Nacional, concentrando nunha persoa todo o poder, o que afecta radicalmente ao carácter plural propio do BNG".
Charo Fernández Velho analiza que os problemas actuais do BNG "proceden da negación en 2001 da necesidade de repensar o que facer e como facelo ante a evidencia da profunda transformación que sufrira a sociedade galega: unha sociedade maioritariamente agrária que pasara a ser urbana e industrial, e da necesidade de considerar a organización e a acción do BNG ante esa Galiza diferente". Lembra ao fío que daquela o BNG "aínda era a segunda forza política galega e primeira da oposición", e láiase de que unha parte do BNG "descualificou gravemente a todo o Grupo parlamentar elixido e provocou unha crise que conduciu a unha perda sistemática de presenza na sociedade e nas institucións". "Durante todo este tempo, o BNG non avanzou nada na presenza na sociedade e no incremento de militantes", lamenta.
Ao respecto, subliña como principios fundamentais da candidatura que defende A Alternativa a concepción do BNG como unha formación política "da esquerda democrática plural", facendo súas "as posicións progresistas do noso tempo, desde o feminismo ao ecoloximo, facendo seus o BNG tanto os problemas galegos como os da humanidade". Defende ademais un Estatuto de Nación nun estado plurinacional, "sen renunciar a outras formas de autogoverno nacional", a presenza de Galiza como nación na Unión Europea e a arela de que o nacionalismo galego "estea presente no mundo desde unha posición solidaria e pola paz, contra o militarismo e a explotación, frente a miseria e pobreza".
Consecuencia das reflexións anteriores, Fernández Velho indica que o BNG entrou no goberno galego "nunha posición subordinada, deixando ademais nas mans do PSOE aspectos fundamentais do labor de goberno, como a educación, a sanidade, a protección da lingua ou a ordenación do territorio". "Nin sequera ten unha vicepresidencia auténtica, que non é máis que o nome dunha consellaría e tampouco ten a Presidencia do Parlamento como lle correspondía", engade. "Por outra parte, o BNG non tomou medidas para que a presenza no governo non debilite a presenza na sociedade, estando pendente aínda un debate que poña remedio a esta situación", advirte Charo Fernández Velho.
Con todo, na súa opinión, a Asemblea será oportunidade para "o reforzamento e a reorientación do BNG e para superar a crise na que está inmerso". "A Alternativa pretende ter unha presenza notável no Conselho Nacional e na Executiva. Para iso presenta unha candidatura enfrentada democraticamente á actual dirección", explica, "quere contar coa capacidade para ampliar como é preciso a presenza na sociedade e formular sen complexos propostas políticas avanzadas destinadas á construción nacional e unha sociedade libre e xusta".