Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
XII ASEMBLEA NACIONAL DO BLOQUE NACIONALISTA GALEGO

Anxo Quintana espera que a xuntanza consolide "estabilidade" e "diálogo"

"Agora os protagonistas son os militantes", insistiu o actual voceiro nacional do BNG, Anxo Quintana, pouco antes do inicio desta XII Asemblea da formación. Quintana dixo estar seguro de que o BNG sairá máis "unido" e "cohesionado" deste evento.

- 15:20 02/12/2006
Tags:

O tamén vicepresidente da Xunta, referiuse ademais ao empurrón que na súa opinión esta Asemblea conseguirá para darlle "continuidade ao traballo comezado hai tres anos". Na súa opinión, a xuntanza achegará unha oportunidade para que o Bloque consiga "estabilidade" para "enfrontar con garantías de éxito os retos que veñen".

Sobre estes retos a curto prazo destacou o desafío das próximas eleccións municipais e a necesidade dun "Estatuto de nación". "Os militantes decidirán o grao de razón que temos cada un", reflexionou sobre o debate entre as catro candidaturas, asegurando que estivo e está "aberto ao diálogo".
Quintana indicou que a candidatura que encabeza "é de unidade e plural, e pretende darlle estabilidade ao BNG", e asegurou que nas fases previas a esta asemblea "intentei o diálogo con todo o mundo".

"O que non está é porque non quere e porque considerou, lexitimamente, que era mellor a presentación doutra proposta", argumentou sobre os debates previos. Na defensa da proposta que lidera, e na que se integra unha ampla representación da UPG e todos os actuais conselleiros do BNG na Xunta, destacou que é "un bo esquema de futuro que vai a prol da unidade, o diálogo e a cohesión". Con todo, asegurou que o esforzo por achegar posicións seguirá despois desta Asemblea,

"Teño o convencemento de que o que a maioría dos militantes do BNG digan esta fin de semana será o mellor para o Bloque, para todos nós e persoalmente tamén para min", expresou sobre o seu convencemento de que a súa candidatura gañara a maioría de apoios. "Todos debemos acatar o que decidan as bases", subliñou.


0/5 (0 votos)