Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
XII ASEMBLEA NACIONAL DO BLOQUE NACIONALISTA GALEGO

Francisco Jorquera: "é necesario espírito crítico e autocrítico"

Do exercicio de autoestima colectiva que supón este foro para o BNG logo de tres anos "intensos" na vida política do país desde a anterior Asemblea nacional, e da necesidade de facer balanzo, crítica e rectificacións, baixo o "compromiso co futuro do BNG", falou o coordenador da executiva e senador, Francisco Jorquera. Foi el o encargado da primeira intervención, presentando o informe político e de xestión do Consello Nacional.

- 15:19 02/12/2006
Tags:

Jorquera quixo comezar subliñando a idea da Asemblea como foro para o reforzo da "unidade e a estabilidade" do Bloque. Destacou a continuación o que na súa opinión é o rol decisivo do BNG, que "non ten só un programa de goberno, senón un proxecto de país", explicando que "o nacionalismo non é un elemento máis do ideario, senón o elemento vertebrador". "O BNG aspira a ser a forza hexemónica que constitúa a Galiza como o que é: unha nación", afirmou Jorquera, advertindo que sen o BNG no escenario político, Galiza "carecería de voz propia".

De seguido, o coordenador da executiva dos nacionalistas chamou a atención sobre os desafíos da nova situación do BNG logo de accederen os seus representantes ao goberno galego, mencionando as "dificultades e limitacións" que na súa opinión condicionan o rol da formación política dentro do executivo. Referiuse Jorquera ás "inercias" creadas na administración polos seus responsábeis anteriores e salientou tamén en referencia aos socialistas, a existencia dun pacto cun "socio" que "ten o seu centro de decisión fóra de Galiza".

Argumentou Francisco Jorquera que só unha fronte como o BNG "pode conxugar unidade e pluralidade", chamando a conseguir que o Bloque "actúe como unha soa voz na sociedade". Así, e nunha Asemblea onde a aparición de até catro candidaturas anuncia maior debate ca nunca, Jorquera, número cinco da lista encabezada por Anxo Quintana, pediu que o exercicio de crítica sexa construtivo. No mesmo sentido, tocou tamén un dos puntos máis críticos do debate interno desta Asemblea, argumentando ao respecto da combinación dos principios de democracia e participación como bases irrenunciábeis para o BNG, pero chamando á busca dunha maior "eficacia" na toma de decisións, e insistindo en que a fronte nacionalista debe ter "uns órganos de dirección fortes". Na mesma liña, falou en favor dunha "interlocución" áxil e "rica" entre o BNG como goberno e como organización política.


0/5 (0 votos)