Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A ASEMBLEA DO BLOQUE EN INTERNET

As novas tecnoloxías e o debate político: Sobre o nacionalismo na rede

A web do BNG vénse actualizando con regularidade, dando conta da actividade da formación política e ofrecéndolle espazo aos seus grupos locais para teren presenza en internet. Alén de incluír audio, os nacionalistas introducirán ademais desta volta o vídeo, con emisión en directo da Asemblea. Por outra parte, as diversas correntes que se moven no interior do BNG, levan tempo activas en internet. A Unión do Povo Galego ten a súa propia web desde hai moito, e vén de abrir a súa o Movemento Pola Base. Pola súa banda, a Alternativa e o Encontro Irmandiño puxeron na rede cadanseu blog. Contámoslles tamén o que fala o blogomillo sobre esta XII Asemblea.

- 14:18 01/12/2006
Tags:

Remexendo no blogomillo, destacan os artigos realizados periodicamente en De Paso. "A novidade da XII Asemblea Nacional do BNG é o seu pluralismo. Excelente ocasión para determinar pesos e medidas", escribía no último post. Anteriormente debullou outras interesantes reflexións como O no gordiano e Que Quin sexa Quin.

"O Bloque non vai cambiar, cando menos a curto prazo, a non ser que se produza un tsunami político", escribe Marcos Valcárcel en As Uvas da Solaina, opinando que "Quintana pon as súas cartas sobre a mesa pero demostra o seu escaso control do aparato político da fronte", e engadindo que "Todos os demais reunidos seguen sendo moi minoritarios e, como case sempre tamén, aínda se dividen (velaí o PNG, sempre tan oficialista)".

"A conversión do BNG nun partido político, ben mirado, é a evolución máis pragmática e viable para unha formación con vocación de goberno, e o máis honesto para a militancia é a supresión dos partidos dentro da fronte, de feito que tódolos militantes pasen a te-lo mismo rango", comenta Julicheiro.

"A outra opción é parar as máquinas e virar 180 grados: convertir ao BNG nun movemento social, atento e partícipe directo das loitas do noso tempo. Un mecanismo de protesta permanente, parlamentario ou extraparlamentario, diante dun establishment ao que sempre atoparemos tibio e mesmo reaccionario", escribe Nygard.

"O BNG non pode supeditar a súa liña política á acción de goberno na Xunta", destaca Luis Cividanes en Abobriga, "Beiras é único e irrepetible, e as súas análises son.... iso, do Beiras. Botóuselle moito de menos no último debate da autonomía".

En O falar non ten cancelas apuntan: "hai algún membro" das correntes de A Alternativa e Encontro Irmandiño que me fan moita graza a velos defender a capa e espada o asemblearismo, porque hai anos eran os que defendían reducilo".

"Oficialistas recoñecen no BNG por primeira vez fracaso eleitoral no 2005", di Webmestre en Por Galiza
"Hai un curioso desprazamento dos apoios que leva a que membros da mesma corrente apoien candidaturas diferentes", sinala Fran Alonso en Cabrafanada.

"Se non se acordaba unha asistencia tan baixa ás asembleas comarcais, Que pasará a vindeira fin de semana? Manterase a tónica, haberá "overbooking" e mesmo ‘toque a mobilizar’?", suxiren en Cara ao vento.

"Se o BNG non existira, habería que inventalo", indica Félix Soria.

Por outra parte, a actividade vencellada ao BNG é tratada tamén na web da súa principal organización xuvenil, Galiza Nova, e mesmo na Galipedia, alén da entrada referida ao propio Bloque, atopamos xa artigos sobre a UPG e sobre o Movemento pola Base.


0/5 (0 votos)