Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
PABLO GARCÍA, PRESIDENTE DA FEDERACIÓN ESPAÑOLA DE EMPRESAS DE CONFECCIÓN

"Por que a Xunta non esixe que os uniformes dos seus traballadores se fabriquen en Galiza?"

Como era de esperar, a patronal ten unha visión ben distinta da problemática que se denuncia desde os sindicatos. Pablo García, Presidente da Federación Española de Empresas de Confección, Fedecon, remite á lexislación vixente para responder as diferentes acusacións sobre a precariedade laboral no sector. Porén, coincide cos sindicatos ao demandar apoios desde as institucións. "Por que a Xunta non esixe que os milleiros e milleiros de uniformes dos seus traballadores se fabriquen en Galiza?"sinala García, que reclama "solucións imaxinativas e reais" para salvar o sector.

- 13:42 01/12/2006
Tags:

Para a Federación os talleres auxiliares son "uns heroes que están aguantando o tipo fronte a unha competencia desleal". Pablo García asegura que non se pode cargar contra estes talleres e sinala que o que necesita o sector é unha forte aposta institucional. "No caso galego, a Xunta ten que apoiar o téxtil contra vento e marea".

O presidente da Fedecon pon como exemplo o caso de que o goberno galego non esixa que o seu propio inventario téxtil sexa confeccionado en Galiza. "Cóntanse por millóns as pezas de uniformes para o persoal sanitario, policía ou traballadores en xeral que se fabrican fóra" sinala García. Outra das posíbeis solucións que valora é reducirlles a carga impositiva ás partidas fabricadas na comunidade ou sobre o mesmo imposto de sociedades.

Para os empresarios tamén é importante que se recoñeza o carácter temporal do téxtil. "Igual que outros sectores, contamos cunha gran temporalidade. Temos unha forte carga de traballo en meses determinados e é necesario regular esta circunstancia".

"Limitar as importacións é poñer portas ao campo, necesitamos apoio institucional"
Desde a patronal recoñécese que é imposíbel limitar por máis tempo as importacións asiáticas. "As accións de apoio non se poden centrar en prohibir o intercambio co mercado chinés, en parte porque hai moitos outros países que están a competir ao mesmo tempo". Pablo García sinala que o actual acordo co ministro de Exteriores chinés para limitar as importacións freou un pouco o crecemento, pero dun xeito temporal. "Limitar as importacións é poñer portas ao campo, necesitamos apoio institucional".

Segundo García, o peche progresivo destes pequenos talleres vai ir sempre en contra do sector. "De seguir así, en anos non teremos talleres onde facer series curtas e de calidade, o que repercutirá na competitividade final do téxtil galego".


0/5 (0 votos)