Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
MERCEDES LÓPEZ, DE COMISIÓNS OBREIRAS

"O maior problema do sector é a inexistencia dunha mesa de negociación"

"A Xunta non responde ás nosas reclamacións" asegura Mercedes López, da Federación de Industrias do Téxtil, Pel, Químicas e Afíns, Fiteqa, de Comisións Obreiras. Segundo a representante sindical, "os pequenos talleres xogan cunhas marxes de beneficios moi pequenas e por iso é necesaria a intervencións do goberno para evitar a precariedade salarial e o peche último das plantas". López considera que "o maior problema do sector é a inexistencia dunha mesa de negociación" entre sindicatos, patronal e Xunta para analizar a situación e lembra que noutras comunidades xa se desenvolven as correspondentes medidas encadradas no Plan Estatal de Apoio ao Téxtil.

- 13:39 01/12/2006
Tags:

Mercedes López sinala que desde Comisións Obreiras xa se lle achegou á Consellaría de Industria unha proposta para a convocatoria da mesa. "O obxectivo é por en marcha en Galiza o Plan de Apoio ao Téxtil, que xa funciona en comunidades como Cataluña, Madrid ou Valencia". Do plan espérase un maior investimento en axudas aos pequenos talleres, unha mellora das condicións para a creación de emprego e o desenvolvemento de actividades formativas para as traballadoras.

Aínda así, a sindicalista non esquece a responsabilidade das "doce grandes" empresas do sector: "durante anos recibiron miles e miles de millóns en subvencións e agora que son xigantes externalizan a produción. Todas teñen en certo punto responsabilidade á hora de decidir marchar".

Aposta de futuro
Segundo Mercedes López, o futuro do sector en Galiza pasa por apostar forte en tres frontes: a calidade como sinal de identidade, a defensa das marcas e un maior investimento en deseño e a creatividade.

No referido á situación de precariedade das empregadas sinala que hai moita diferenza entre traballar para un taller auxiliar ou para unha empresa grande como Inditex, Caramelo ou Adolfo Domínguez. "Son dous modelos de empresa moi diferenciados, sobre todo desde o 2000", data en que se asinou o Convenio Colectivo Estatal. "Desde daquela os grandes grupos coidan máis a subcontratación. Vixían máis en mans de quen poñen os seus encargos".


0/5 (0 votos)