Este venres celebrouse unha segunda xornada de paro e concentracións na fábrica viguesa de Selmark. As traballadoras desta empresa, especializada na confección de prendas de lencería, reclaman a readmisión de cinco empregadas que foron despedidas no pasado mes de novembro. Segundo informa a CIG, logo de pasar unha media de quince anos na empresa, a compañía alega unha baixa productividade como argumento para os despedimentos. O pasado martes as afectadas pecháronse nas instalacións de Selmark en Vigo para reclamar sen resultados unha solución ao conflito e tiveron que ser desaloxadas pola Policía.
As traballadoras de Selmark despedidas denuncian que a empresa está a facer unha "reconversión encuberta, xa que leva desde o 2005 nos dous talleres (Nakay e Confeccións M) un total de cincuenta mulleres despedidas".
Sinalan tamén que se está a despedir a empregadas con antigüidade para contratar outras novas "para cobrar a subvención polo contrato de mulleres, e abrir un novo centro de Valadares para tamén cobrar as axudas polo traslado da empresa".