Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ARTIGO DE ROBERTO MERA

XII Asemblea Nacional: participar para gañar o futuro

Achegámonos ao remate desta XII Asemblea Nacional tras varios meses de intensos debates ao redor de cuestións cruciais como o Estatuto de nación, o traballo do nacionalismo no goberno galego, o reto das eleccións municipais ou as actualizacións organizativas que o BNG precisa. Case tres meses de proceso democrático –sen parangón no cenario político do país- que, coma sempre, vive o seu ponto álxido cando o debate se traslada das ideas ás persoas que deberán responsabilizarse de dirixir o BNG na vindeira etapa interasemblear.

- 14:32 01/12/2006
Tags:

Catro candidaturas preséntanse á elección do Consello Nacional. Catro candidaturas que expresan a pluralidade do BNG e as súas virtudes como organización esencialmente democrática capaz de encauzar e dar voz a todas as posicións do nacionalismo e, en particular, ás minoritarias ou discrepantes. Catro candidaturas que ofrecen ademais ideas e visións diferentes sobre o valor do que se fixo e do que se está a facer e, especialmente, sobre cómo deberemos afrontar o futuro inmediato. Catro candidaturas que, por último, expresan e representan actitudes e formas diferentes á hora de afrontar o proceso asemblear.

Moitos somos os que pensamos que a xestión dos últimos tres anos só pode ser razonabelmente avaliada desde a consideración de que nos atopamos diante dun proceso de cambios no nacionalismo e de que neste camiño xa andado queda aínda moito treito que percorrer e moito que mellorar. Mais o importante non é tanto a velocidade da nosa marcha nin o tempo que nos resta nesta andaina, como a dirección e o rumbo que temos tomado. Por iso, os que percibimos este último período de cambios no BNG como positivo aínda que insatisfactorio –porque nos sentimos orgullosos do BNG pero aspiramos a máis- conformamos unha candidatura ao Consello Nacional de pensamento plural pero unitaria á hora de construír a búsola que nos debe guiar nos vindeiros anos e que debe marcar o noso norde no plano das ideas, no ámbito do traballo político, institucional e social e no terreo organizativo. Esa búsola que nos une son os documentos que maioritariamente foron xa refrendados nas asembleas comarcais, uns documentos que máis alá da teoría, son a guía que, levada á práctica, poderá realmente afianzar e consolidar o camiño percorrido ata hoxe e que, ás veces, semella ter ilusionado máis á sociedade galega que a algúns compañeiros/as do BNG.

Na miña opinión, a candidatura que conformamos os que acreditamos no contido e no valor práctico dos documentos aprobados, máis alá de ser garantía da súa aplicación efectiva tamén quere contribuír á estabilidade que o BNG tanto precisa para consolidar a imaxe dun BNG serio, responsábel, maduro e orgulloso de si mesmo; unha candidatura que acolle visións e posicións plurais pero constructivas e baseadas na disposición a corresponsabilizarse no bo goberno da nosa organización; unha candidatura, pois, que mirando cara adiante fuxíu da crispación, dos ataques e da descualificación mútua, e que veu actuando con lealdade e respecto, sen resentimentos nin personalismos viscerais, sen danar innecesariamente ao BNG e sen descualificar publicamente a quen pensa diferente; unha candidatura que non aplicou a máxima maniquea do comigo ou contra min e da que só se autoexcluíu quen se situou de partida explicitamente en posicións definidas como irreconciliabeis; unha candidatura en fin, que tamén canalizou e encauzou no seu seo a crítica ou a autocrítica constructiva e corresponsábel. Só cunha actitude responsábel como a que a maioría da base organizada do BNG amosou ao longo deste proceso asemblear poderemos reforzar a confianza interna, incrementar o noso crédito e prestixio diante do pobo galego e gañarnos o seu apoio.

Estou convencido de que a maioría dos compañeiros e compañeiras do BNG comparten que estamos a vivir unha oportunidade inédita para o nacionalismo no camiño de lograr a hexemonía no País e que aproveitar esa oportunidade pasa inevitabelmente por actuar coa máxima prudencia, responsabilidade, seriedade e serenidade no día a día e, en particular, nesta Asemblea Nacional na que nos xogamos consolidar os cambios implementados nos últimos anos, dando ao BNG esa necesaria estabilidade organizativa para continuar nesa dirección, ou defraudar as expectativas que a sociedade ten hoxe depositadas claramente en nós.

A responsablidade coa que debe actuar o BNG é, polo tanto, a responsabilidade de todos e todas nós, militantes do BNG: recae sobre todos e cada un de nós e o BNG que saia desta Asemblea, ilusionante ou frustrante para a sociedade e para nós mesmos, será o que, nós, afiliados e afiliadas do BNG, decidamos, por activa ou por pasiva, nestes días cruciais.

Por iso, nesta altura, participar na XII Asemblea Nacional máis alá dun dereito é unha obriga política para todos e todas as que, sentíndonos orgullosos/as de pertencer ao BNG, desexamos que na nosa organización prevaleza e impere a responsabilidade e o sentido común para garantir a viabilidade do BNG como única ferramenta política capaz de converter a Galiza no país que arelamos e para, en consecuencia, gañármonos definitivamente a confianza do pobo galego.


0/5 (0 votos)