Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ARTIGO DE CAMILO NOGUEIRA

A candidatura da muller

A Alternativa foi constituida coa pretensión de contribuir á reorientación e o reforzamento do BNG superando a crise provocada por grupos internos, basicamente os que hoxe detentan a direción, cando en 2001, ainda sofrendo un descenso a ter mui en conta, o Bloque revalidara a súa condición de segunda forza política e de principal referente frente ao Partido Popular.

- 14:31 01/12/2006
Tags:

Para A Alternativa aquel era o momento de repensar a estratexia do nacionalismo, tendo en conta a fonda transformación sofrida pola sociedade galega, máis capacitada nese momento para un proxecto avanzado de emancipación nacional e social, e coñecendo a mudanza na situación estatal, europea e mundial.Daquela, o BNG debeu tamén reflexionar sobre si mesmo, mantendo o seu carácter plural e de formación da esquerda democrática, fortalecéndose internamente e abríndose á sociedade, multiplicando a súa presenza social e o número de militantes e afiliados.

Non se fixo así. Tomaronse decisións que supuñan o encastelamento da organización.Descalificouse o Grupo parlamentar que debía encabezar a oposición ao PP para conseguir a Presidencia do Governo Galego en 2005. Comezou así un longo declinio que levou á perda de alcaldías de cidades fundamentais, de un dos deputados do Congreso e do deputado europeu, rematando todo na perda en 2005 da condición de segunda forza galega, ficando con pouco máis da metade do numero de deputados e deputadas do PSOE. Aquelas decisións motivaron a entrada no Governo de forma subordinada, reducíndose fundamentalmente as responsabilidades de governo do BNG.

Neste proceso, a direción actual do BNG tomou posicións extrañas, resultantes da alianza entre un inmovilismo dogmático e unha tendencia mornamente galeguista, interesamente acomodaticia, personalizándose irresponsablemente o poder interno e empobrecéndose a presenza externa.

Por estas razóns, para reforzar o BNG e coa vontade de reorientar a política nacionalista, A Alternativa apresenta na XII Asemblea Nacional unha candidatura ao Consello Nacional e á Executiva Nacional.

A Alternativa quer un nacionalismo galego definido por propostas democráticas e sociais avanzadas, partillando as posicións alternativas progresistas dos movimentos feministas, ecoloxistas, altermundialistas. Fundaméntase na convición de que é desde posicións da esquerda democrática e con propostas social e políticamente transformadoras como se debe instrumentar un programa de governo para o conxunto da sociedade. O camiño para a hexemonía política non pasa nen polo vitimismo nen pola entrega a a un prática neoliberal. A Alternativa defende inequívocamente un Estatuto de nación e un Estado plurinacional, pretende conseguir a presenza de Galiza como nación europea, sen que esta clara estratexia supoña rexeitar outras fórmulas máis avanzadas de soberanía nacional. Propón traballar polo recoñecimento do galego como a língua nacional de Galiza e ao mesmo tempo como unha das línguas universais.

A candidatura da Alternativa é a da muller. Así se pon en evidencia a estar encabezada por Charo Fernández Velho e por Amada Trava Díaz, dúas mulleres comprometidas política e socialmente, profesionais, con fillos, o tipo de mulleres que a sociedade necesita para ser máis xusta e máis libre, máis humana.


0/5 (0 votos)