Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
OPINIÓN DE PAULA CASTRO

En defensa do BNG

No ano 1982, o BNG aprobaba os seus principios políticos fundacionais. Porén, hoxe somos moitas e moitos os militantes do BNG que compartimos a preocupación polo rumbo político que vén seguindo a nosa organización. Un rumbo político que supuxo o abandono progresivo deses principios e que levou a nosa organización cara a unha deriva que se plasma en dous planos diferentes mais interrelacionados: o político-ideolóxico e o organizativo. Neste camiño corremos o risco de que os nosos principios queden convertidos en reliquias conceptuais

- 14:40 01/12/2006
Tags:

Por iso, logo de múltiples xuntanzas, unha amplo e diverso grupo de militantes nacionalistas decidimos iniciar un proceso de conformación do que demos en chamar Movemento pola base, para ocuparmos un espazo político abandonado dentro da nosa organización. Un colectivo que nace para defender un modelo diferenciado do hoxe practicado pola dirección da nosa organización e dos grupos que a apoian, ante o que consideramos unha traxectoria errática que nos dirixe cara a integración no sistema cun modelo tácito de partido clásico.

Somos a militancia do BNG os e as que temos que nos convencer de que só recuperando a iniciativa política poderemos ter máis peso político e social tal e como queda plasmado nas emendas que apresentamos ao Documento Político da XII Asemblea Nacional, onde o Movemento pola Base centrará o debate en cinco ideas fundamentais:

1. O noso obxectivo estratéxico é acadar o recoñecemento do dereito que como nación temos á autodeterminación e a soberanía.

2. A defensa do modelo frentista, asembleario e participativo e a oposición ao modelo de asemblea por delegación e a unha organización feita desde arriba. Urxe dinamizar as diferentes estruturas organizativas, tanto a nivel local como comarcal ou nacional de forma que o traballo político deixe de ser tan dependente da actuación no plano institucional.

3. A conquista dun maior espazo institucional para o nacionalismo que representamos os homes e mulleres de BNG, así como dun maior peso social, debe poñerse ao servizo da maioría social do noso país, através da implementación de políticas consecuentes no eido do social, isto é, de políticas sociais que teñan realmente unha vontade transformadora. Ao tempo, estas políticas teñen que estar encardinadas na procura doutra política económica xeral, que cuestione e defenda alternativas perante o actual modelo de globalización neoliberal tamén desde Galiza.

4. Resulta imprescindíbel que a acción política do BNG non se limite ao plano institucional e se combine coa mobilización e a acción social, sen cuxa simbiose non teriamos conseguido que o nacionalismo galego e o BNG tiveran a incidencia e introducción que hoxe ten.

5. Urxe recuperar canto antes a relacións en pé de igualdade cos movementos e organizacións sociais actuantes no noso país. A nosa organización debe interiorizar que ten que ser quen de acompañar as loitas sociais que dan estes movementos, e contribuir a conformación dun movemento amplo e de fondo calado con vocación transformadora.

Asimesmo, promovemos unha candidatura para contar cunha representación no vindeiro Consello Nacional que defenda estas posicións. Representación sectorial e territorial foron os dous criterios básicos que o Movemento pola Base tivo en conta para elaborar a súa candidatura. Unha candidatura na que hai un peso importante dos movementos sociais, da mocidade, da militancia de base do BNG, xunto con representantes institucionais de diversos concellos do país.

Tras da Asemblea Nacional, o Movemento pola Base ten asumido a responsabilidade de seguir construíndo ese polo interno no BNG que defenda os principios político-ideolóxicos para os que a nosa organización foi fundada e sempre, como até agora estamos facendo, co escrupuloso respeito ás reglas de xogo, ao pluralismo e con lealdade ao poderoso instrumento para a acción política que para Galiza é o BNG.


5/5 (1 votos)