Entre os anos 2000 e 2005, os inmigrantes ocuparon o 63.8% dos novos empregos creados nese período en todo o Estado. Así e todo, mirando as cifras polo miúdo vemos que se nun estremo aparece Baleares, co 21.8% de inmigrantes sobre o total da poboación activa, no outro están comunidades como Galiza, cun 7.4%, porcentaxe case similar á de Castela e León, Cantabria, Euscadi, Asturias ou Estremadura, esta última con só un 3.7%. Segundo un estudo da Universidade Autónoma de Barcelona, por encargo da empresa Manpower, no litoral mediterráneo e Madrid, o peso da inmigración no mercado laboral chega a unha media do 17.5%. No período analizado, 1.4 millóns de traballadores chegaron de fóra, por apenas medio millón de incorporacións de poboación nada no Estado.