Vieiros

Vieiros de meu Perfil


RSS de
IMPLICAD@S NO DESENVOLVEMENTO EXPLÍCAO NUNHA CONFERENCIA

Microcrédito: o camiño para a autoxestión dos máis pobres

Un sistema de financiamento permite que persoas que, polas súas condicións de extrema pobreza non poderían acceder a un crédito bancario, poidan obter un pequeno capital co cal comezar o camiño cara á súa autoxestión e independencia: é o microcrédito, un sistema co que comezou a traballar Muhammad Yunus con comunidades de mulleres no seu Bangla Desh natal, en 1976. Implicad@s no Desenvolvemento estivo no Cumio Global do Microcrédito en Halifax (Canadá) hai unhas semanas. É a primeira organización galega que emprega esta metodoloxía nos traballos de cooperación, e este mércores 29 estiveron na Galería Sargadelos de Compostela para contárnolo.

- 17:23 30/11/2006
Tags:

"Non abonda con dar cartos, é preciso un terreo aboado", explicou Blanca Rodríguez. Ela estivo, xunto con Andrea Abreu, en representación de Implicad@s no Desenvolvemento no Cumio Global de Microcrédito celebrado en Halifax (Canadá), do 12 ao 15 de novembro. Implicad@s no Desenvolvemento é a primeira oenegué galega que emprega esta metodoloxía no seu labor de cooperación, afondando sobre todo no microcrédito comunitario, máis do que bancario: non se trata dunha cooperación asistencial, senón de desenvolver a autonomía, independencia e capacidade de autoxestionarse dos grupos humanos.

María Reimóndez, presidenta de Implicad@s, abordou na primeira parte da sesión a introdución ao microcrédito: que é e como o emprega Implicad@s. "O sistema bancario tradicional non estaba preparado para afrontar créditos de certo tipo: en casos nos que se trataba de cantidades moi pequenas (como se nós pedimos un crédito por 10 €), e nos que as persoas solicitantes eran moi pobres, analfabetas, etc., e non se confía en que poidan devolvelo". Entón, Muhammad Yunus ideou un sistema que permitise a comunidades de mulleres montaren o seu propio negocio e xestionaren os seus cartos. O merecedor do Premio Nobel da Paz deste ano exportou o Grameen Bank a cen países, e o 2005 foi declarado o Ano do Microcrédito. Este sistema pode supor a consecución do primeiro dos chamados Obxectivos do Milenio: reducir a pobreza extrema.

Independencia e autonomía
Trátase dun programa dirixido "aos máis pobres dos máis pobres": "non é o mesmo vivir cun dólar ao día en Guatemala ca en Costa de Marfil, e os indicadores dos ingresos dunha familia non son abondos cando non sabemos o reparto desigual que pode haber dentro da propia familia". InD non perde de vista a cuestión do xénero: patriarcado e capitalismo van unidos nunha estrutura de dominio que dende a organización queren afrontar buscando a implicación de toda a comunidade, non de xeito superficial. "A cooperación ao desenvolvemento ten que ter a cuestión do xénero presente. Non se trata de "traballar con mulleres", senón de conseguir realmente organizar ás comunidades para que todos os seus membros poidan ser autosuficientes." Mulleres que gañaban o equivalente a tres euros ao mes xúntanse nun grupo que chega a manexar, despois de varios anos de traballo, 30.000 euros. Estas cooperativas traballan como asociacións: teñen unha conta (da que é titular a xunta directiva) e funcionan de xeito asembleario.

Implicad@s atende sobre toido á vertente comunitaria do microcrédito: desenvolve proxectos na India (Tirychy e Karaikai) e Etiopía (na capital, Adiss Abeba, e North Woll). Traballan na Etiopía das terríbeis fames que xa comezaron nos 80, cando comezou a axuda humanitaria. "É terríbel pensar que levamos vinte anos perdidos axudando con paternalismo, con caridade, que non serven para que esa xente poida saír dos seus niveis de pobreza. O que había que conseguir é que a xente de North Woll poida vivir polos sesu propios medios", explicou Reimóndez. Esta metodoloxía tenta, efectivamente, dotar ás comunidades das ferramentas necesarias para o seu propio desenvolvemento, sen dependeren de ninguén. Como explicou María Reimóndez, elas só organizan á comunidade, e son os seus membros quen decide que interese paga ás entidades financeiras. "O microcrédito non é unha panacea, é unha ferramenta, e hai que saber utilizala". O que Yunus propón para a sustentabilidade das entidades financeiras é cubrir custos e un dez por cento, pero que esa cantidade a maiores sexa reinvestida en conceder máis créditos. Como indicou Blanca Rodríguez, "é unha ferramenta para saíren da pobreza, non para que os banqueiros se fagan máis ricos".

Implicad@s no Cumio
Foron a única organización galega presente no Cumio. Alí estiveron Blanca Rodríguez e Andrea Abreu, compartindo experiencias con persoas de outros países. "Para nós foi unha ocasión incomparábel de compartir coñecementos con organizacións das que non sabiamos nada, e que traballan dun xeito moi semellante ao noso, e comezamos a tender pontes con organizaciós que traballan con cuestións de xénero, con persoas con discapacidade (e temos casos de moito éxito de estas persoas en grupos de aforro)." Así o presentou Blanca Rodríguez. "Foi unha experiencia moi enriquecedora: démonos conta de que esta é unha metodoloxía punteira".


0/5 (0 votos)