Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
FALAN AS MULLERES QUE TRABALLAN NO TÉXTIL

"Non protestas porque se cadra a próxima vez xa non te chaman"

Máis de oito horas diarias diante dunha máquina que non pode parar, cos ollos fixos no tecido. Horas extra que non van ser cobradas, salarios moi por debaixo do que marca o convenio, que en moitos casos non dan para vivir. A inseguridade constante de non saber se o remate da campaña ou unha baixa van carrexar o despedimento, as presións, o illamento. Este é o día a día de moitas das 20.000 mulleres que traballan sostendo un sector punteiro da nosa industria. Con esta nova entrega, Vieiros continúa cunha análise a fondo do sector que comezou o mércores. Desta vez falamos con tres traballadoras de distintas comarcas do país. Ningunha quixo dar o seu nome. Contamos tamén coas achegas de María Martínez Iglesias, socióloga que nos axudou a seguir tirando por estes fíos.

- 12:59 18/12/2006
Tags:

O 24% das exportacións do Estado proceden de Galiza (despois de Cataluña, é a comunidade que máis exporta), impulsadas sobre todo pola produción de Inditex. Dende aquí factúranse 1.346,6 millóns de euros, fronte aos 5.593 millóns do conxunto do Estado, segundo o ICE. A galega é a única balanza comercial favorábel do Estado, ao superaren as exportacións en 335 millóns de euros ás importacións. Mais o sector atravesa un momento difícil: dende a liberalización das exportacións entre os estados da OMC, no 2005, ten que competir co mercado asiático e os xa en por si baixísimos salarios galegos (pouco máis de 2,5 euros a hora) teñen que competir coa man de obra chinesa, por exemplo (menos de 0,30 € a hora). As fábricas optaron por dúas estratexias: externalizaren a produción e manter certos departamentos no país de orixe; ou ben especializárense noutro tipo de produto que requira un proceso máis traballoso de confección e persoal máis cualificado (acontece coa lencería). Logo, as vías son a deslocalización ou a especialización en produtos de calidade. Preto de cen talleres pecharon en dous anos (sobre todo de produción en serie para Inditex, Adolfo Domínguez ou Roberto Verino), por mor desta externalización da produción. A socióloga María Martínez explícanos "hai que competir como sexa, e a globalización ten unha dobre vertente: entran competidores, pero tamén as empresas externalizan a parte menos cualificada da cadea de produción: aquí queda control de calidade, etiquetaxe, etc., e o corte faise no estranxeiro".

Galiza no mercado mundial
Como repercute a globalización nas traballadoras galegas? O medo está presente: dende a periferia de Vigo, unha traballadora do téxtil conta como Inditex está externalizando a súa produción en China, o que repercute nos despedimentos e no peche de talleres de manufactura en Galiza: "aquí queda xente para pasar o ferro, comercializar e demais, pero cortar, córtase fóra. Hai unha empresa aquí que só ten xente en deseño e oficina, e despois fanllo todo en Marrocos". Se a man de obra é barata aquí, nos países cunha lexislación laboral máis feble cóbranse salarios incríbeis: menos de 30 céntimos por hora na China. Como contrapunto, aínda que non é tan frecuente como en Madrid ou Barcelona, tamén se contratan inmigrantes. Como nos conta unha muller da Estrada que traballou cosendo dende os dez anos, "aquí hai unha chea de talleres ilegais, e moitos deles meten inmigrantes, como un no que traballan mozas romanesas, porque cobran catro pesos e traballan sen contrato, nin seguro..."

A historia dun sector en alza
O sector evolucionou a enorme velocidade: de carecer de industria téxtil a constituír unha auténtica imaxe de marca: "moda galega", un produto de calidade de noso que nos sitúa á cabeza no Estado. Abórdano Obdulia Taboadela, María Martínez Iglesias e María Castro Serantes, no artigo "Del escaparate a la trastienda: mujeres y trabajo invisible e la confección gallega", no libro El trabajo recobrado, editado por Miño y Dávila no 2005. Comezouse traballando a domicilio até que chegou o momento no que era necesaria unha reestruturación produtiva. As empresas descentralízanse e comeza unha subcontratación en fervenza, unha cadea produtiva que ten o seu último elo nos talleres. Como nos indicou María Martínez, "o caso galego é bastante atípico: aínda que o máis común na industria téxtil era a empresa fordista, cuns 1.500 empregados, aquí as grandes marcas comezaron na economía somerxida dos 80, e comezan a legalizar a posteriori parte das súas actividades. Tiñan contratadas sobre todo mulleres que cosían dende a casa, pero cando o volume de produción non se pode manter con ese tipo de provedor, comezarán a dar de alta talleres". Non todos: moitos son talleres clandestinos, en casas particulares ou baixos alugados, pouco visíbeis. "A Estrada está chea deles, todos pechados a cal e canto. Logo ves vir as furgonetas de Caramelo, Zara ou Adolfo Domínguez co material: traen os anacos, aquí cósenos, e logo vólvenos buscar ", cóntanos unha ex modista desta vila. Esta muller conta tamén como pasou de coser na casa a entrar nunha fábrica, a mediados dos oitenta. "Aínda hai quen cose para as marcas, dende a casa e cobrando por peza unha miseria, se cadra a 30 céntimos o pantalón (tes que estar toda unha fin de semana para sacar 10 €), e moitas das que traballaban na casa montan despois talleres clandestinos". É moi frecuente que antigas costureiras se convertan agora en patroas, e monten o seu propio negocio. Dáse entón unha situación de auto explotación, na que as empresarias son á vez traballadoras e xefas. "O taller era de dúas señoras que antes foran rematadoras nunha fábrica na zona de Ordes, e logo montaron talleres elas", cóntanos unha muller que acaba de deixar un traballo nun destes talleres.



Tampouco se lles pode chamar subcontratas, porque non o son. Como explica María Martínez: "son encargas informais, sen asinaren contratos. É un trato de palabra, 'de confianza', no que a casa matriz marca de xeito unilateral as condicións: "faime mil cincocentos pantalóns en tanto tempo e por tanto". Non se poden negociar nin os cartos nin o prazo de entrega, e se cadra é o único sustento que ten ese taller". Aí incide especialmente Martínez, salientando que non se pode simplificar en canto aos axentes que forman parte deste proceso: "non se pode acusar ao dono do taller, porque as relacións son moito máis complexas. Hai unha situación de dependencia. Pero unha casa matriz que marca unilateralmente as condicións tampouco é inocente. Habería que responsabilizar, en todo caso, a quen saque o máximo beneficio".

Horarios sen límite
As condicións en que se traballa no sector téxtil reflicten esa irregularidade: trátase dun traballo estacional, xa que o ritmo vén marcado pola casa matriz: a temporada, ou "campaña", esixe un sobre esforzo que se paga con horas extra non remuneradas e traballo baixo presión. E cando non é necesario, moitas traballadoras son despedidas e vólvenas contratar na próxima campaña. Isto contribúe ao seu sometemento. "Non vas protestar porque se cadra para a próxima xa non te volven chamar", conta a modista da Estrada. Isto tampouco lles permite sindicarse, ter antigüidade na empresa nin cotizar como é debido. Dende Vigo, unha costureira explícanos que leva sete anos traballando unha empresa e está fixa dende hai un, e como, despois de traballar dende a adolescencia e parar por uns anos, deuse de conta de que só tiña sete anos cotizados: "Deixeino durante un tempo polos nenos e porque non tiña carné de conducir daquela. Cando quixen volver traballar, estaba desfasada nas máquinas. Vas alternando, traballo-paro-traballo-paro como podes".

Ademais, esta estacionalidade do traballo repercute nos horarios: "mándante para a casa cando non hai traballo, pero esas horas que ti marchas despois 'débesllas' ao empresario. Pódente mandar para a casa até 80 horas no ano, por convenio, (no seu caso, trátase do sector "punto, calceta e medias", que convive con algodón, la, fibras, seda, confección e alfombras no mesmo convenio, con cadansúa táboa salarial)." Acábase convertendo nunha norma que as horas extra das campaña non se teñan en conta (nin sexan remuneradas) por seren consideradas unha "compensación" das épocas baixas. Todas as mulleres entrevistadas explicaron que cando hai un pedido, tense que acabar como sexa. "Aquí ao lado, en San Miguel de Sarandón" cóntannos dende a Estrada "hai un taller no que as mulleres entran ás oito da mañá, saen á unha con media horiña para comer e xa volven entrar. Están aí dentro até as dez ou doce da noite, e moitos sábados e festivos, tamén". "Somos obrigadas a 'velar' e non se nos paga", afirma a costureira viguesa.



A rematadora de Ordes contounos como o tempo libre das traballadoras está espremido até o punto de recortar as súas vacacións. "Eu invento cursiños que teño que facer pola tarde para que me deixen ir para a casa . E a miña xornada xa é de máis de oito horas, porque entro ás sete e saio ás tres e cuarto ou tres e media para compensar o descanso do bocata ao que teño dereito". Ademais destes abusos no horario diario, ela cóntanos como o empresario fai coincidir os quince días de vacacións que pode determinar (os outros quince correspóndenlle á traballadora) con Semana Santa ou a ponte da Constitución, que xa teñen días festivos. "E a min contáronme unha baixa como vacacións. Non te podes poñer enferma: a unha rapaza que está mallada das cervicais díxenlle que pedira unha baixa, e contestoume "non é tan doado".

Condicións salariais
As cantidades prefixadas polo convenio xa son en por si baixas: arredor dos 650 € brutos para auxiliares e 700 para especialistas. "O raro é que o convenio, que debería ser un baremo mínimo, se cumpra", explica Martínez. Non é infrecuente que se asinen nóminas por este valor cando realmente se cobran 400 ou 500 €. Segundo a nosa informante do taller de Ordes: "ti asinas nóminas de cento quince mil pesetas (menos de 700 €) e cobras oitenta (480 €). Argumentan que esas cento quince mil non chegan ao soldo mínimo para declarar a Facenda pero eu, por exemplo, fago a declaración xunto co meu home, e custounos duascentas mil pesetas (1.200 €)".

Outra tendencia é facer contratos de media xornada cando realmente se traballa a tempo completo. "Eu traballei para Zara e Adolfo Domínguez sen asegurar", contan dende Vigo: "e sei de xente que só estaba asegurada catro horas traballando oito". A rematadora de Ordes lembra "estiven nun taller onde eramos catro persoas e eu sei ben que dúas estaba aseguradas só a metade do tempo. E aínda as chaman cando hai unha urxencia, para que vaian facer horas extras. Presiónante de tal xeito que tes ves obrigada: pídenche un mínimo de pezas, e un parte do que fas nunha hora". As horas extra xa non son algo fóra do habitual, considéranse parte do traballo normal: "eu entendo que haxa un apuro, pero é que por norma os martes e xoves fanse horas extra: dúas e media ou tres cada tarde. Hai mulleres que así sacan sesenta euros máis (3 € a hora extra), e para elas é moitísimo". Ademais, nun traballo rutineiro, que esixe enorme concentración e coordinación, calquera fallo pode supor unha hora extra: "non te podes descoidar nin medio segundo, tes que estar pendente de cada puntada que se dá, ás veces con fío negro... Se algo sae mal, venche de volta e tes que quedar a amañalo".

Cales son as solucións para evitar esta situación? María apunta que sería necesaria unha restrición da subcontratación en fervenza. "E por outra banda, restrinxir tamén o libre comercio, penalizar esas contratas nos países de lexislación laboral máis feble. É necesario coñecer a estrutura real das casas matriz: de Inditex sabemos que ten unha fábrica en Arteixo, pero iso non é nin o 0,01% da produción deles. Que hai detrás?" Visibilizar a situación de 20.000 traballadoras é o primeiro paso.

Máis: A feminización do sector


Ligazóns

0/5 (0 votos)