Este mes cumpriuse un ano desde a sinatura da declaración institucional que abriu o proceso de diálogo cara ao Acordo Galego polo Emprego. O balanzo da Confederación Intersindical Galega sobre estes meses é negativo, e expoñen desde a formación que, por exemplo, o goberno "non chegou sequera a presentar un borrador no que se recollera unha proposta desde a que comezar a debater". Por este motivo o Consello Confederal da CIG decidiu "abandonar as mesas". Pola contra, desde UXT e CCOO si ven un camiño aberto cara a ese acordo e láianse de que a CIG decidise saír do proceso. Parecida análise fan desde o executivo, que este mesmo mércores aproveitaba para presentar o que aseguran que é o "cuarto acordo", co que se garantiría a "autonomía e independencia" do Consello Galego de Relacións Laborais.
Segundo a análise da CIG, o único acordo real que as mesas de diálogo social conseguiron neste tempo foi o consenso para a creación do Instituto Galego de Saúde Laboral. Do resto, a CIG lembra que o acordo sobre a reforma do servizo público de emprego foi asinado en exclusiva desde os sindicatos por CCOO e UXT e láianse por exemplo de que se promovesen políticas que estabelecen axudas a empresas "de miles de millóns de euros" que non van unidas á esixencia de "redución efectiva dos índices de contratación temporal".
Desde o executivo lamentan a decisión da CIG e aseguran que as mesas de diálogo amosaron neste tempo o seu bo funcionamento, indicando que dera xa en tres acordos específicos: a creación do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral; o Plan Estratéxico de Prevención de Riscos Laborais 2006-2010 e o acordo sobre no Novo Servizo Público de Emprego. Ao tempo, desde a Consellería de Traballo aproveitan para presentar o que sería o cuarto "éxito", neste caso o estabelecemento do Consello de Relacións Laborais como organismo público con personalidade xurídica, capacidade de obrar e patrimonio de seu, e independencia da Xunta no desenvolvemento das súas funcións. Destacan que se consegue así responder a unha demanda histórica dos axentes sociais galegos, lembrando que este era o "único" foro de participación institucional propio, onde se xuntaba o empresariado e as organizacións sindicais galegas.