Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
DENUNCIAN ALTERACIÓNS POLO CAOS URBANO NO MORRAZO

Luita Verde di que os anegamentos son consecuencia da mala ordenación

O colectivo Luita Verde denuncia que a destrución física e a alteración da dinámica natural dos ríos e regatos, unido este ano á vaga de lume nos montes son os principais causantes da vaga de riadas e asolagamentos en vivendas e núcleos urbanos este outono na comarca do Morrazo. Gran parte dos terreos que antes acollían e drenaban as subidas das augas da chuvia nesta época, agora están alterados pola construcción de infraestructuras viarias e urbanizacións de todo tipo.

- 08:14 29/11/2006
Tags:

A vía rápida do Morrazo alterou a orografía dos montes e os vales, eliminando capa freática na cabeceira dos leitos, aterrando e entubando moitos dos regos e por engadido o seu asfaltado é impermeábel e gran parte das augas foron canalizadas aos ríos, regos e leiras particulares, polo cal están a absorver máis auga e enchentas do habitual. Por outra parte dende hai décadas se está a permitir a construcción de vivendas e edificios ilegalmente dentro da área de servidume e da de policía do leito de moitos ríos e regatos, e inclusive se ten aterrado e construido enriba dos mesmos para vivendas, parques públicos, aparcamentos, etc., polo cal se constriñe e se altera irreversiblemente o leito dos ríos e os terreos que normal e naturalmente acollían e drenaban as augas nas crecidas, servindo asimesmo de cultivo noutras estacións do ano grazas á súa fertilidade e de aí o verdadeiro significado da súa toponimia en moitos dos lugares da comarca (As Barxas, Reboredo. O Atranco, Augalevada, A Banda do Río, etc., lugares que foron alterados polo denunciado e que coinciden precisamente cos dos máis afectados polas últimas riadas e asolagamentos.

Por último temos que denunciar tamén o grave e negativo efecto nas rías polas enormes cantidades de auga doce, mesturada con residuos orgánicos terrestres traídos polas crecidas dos ríos, con residuos fecais verquidos dende os aliviadeiros das redes municipais do saneamento xa que moita da rede está construída sin separación das augas pluviais, con residuos líquidos de aceites e hidrocaburos, cargados de gasóleos e metales pesados proviñentes das estradas, e probablemente con cinzas dos montes queimados este verán, que conxuntamente están a caír no mar afectando á súa biodiversidade, pesca e marisqueo.

Luita Verde advirte que este outono-inverno aínda acaba de comezar e que existe o risco de máis chuvias torrenciais no máis inmediato futuro, tal como se está mostrar a climatoloxía este ano. Demanda urxentemente como precaución e xestión alternativa e sostible de futuro un plan forestal baseado na rexeneración dos montes con especies autóctonas, a prohibición de construír infraestructuras viarias, industriais e residenciais dentro dos 5 metros de servidume e os 100 metros da zona de policía a cada beira dos leitos dos ríos, conservando asimesmo as áreas de bosque de ribeira e humidais anexos, a separación integral das augas pluviais das augas fecais nas redes do saneamento municipais, a non construcción de máis e meirandes estradas. A pesar de que nesta época e gran parte do ano o habitual ata hai uns anos era unha climatoloxía suave e chuviosa temos que salientar que estas chuvias torrenciais tamén sobrepasan o normal e son unha proba máis do desequilibrio climático no que estamos inmersos producto da negativa influencia humana a nivel planetario, polo cal tamén urxe cumprir coas normativas proteccionistas habidas e por haber en materia forestal, enerxética, urbanística e de control da contaminación atmosférica urbana e industrial.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: