Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O SECTOR EMPREGA A 20.000 PERSOAS, CASE TODAS MULLERES

O téxtil resiste en Galiza grazas a salarios de pouco máis de 2,5 euros á hora

Trátase dun dos sectores máis importantes para a economía galega. Estímase que preto de 20.000 persoas traballan no téxtil en Galiza e que un de cada cinco contratos que se asinan na industria galega están relacionados co mundo da moda. Porén, detrás das boas cifras de exportación que sinalan a nosa comunidade como unha das que resisten o empuxe da competencia asiática, agóchanse condicións laborais ao límite da legalidade. Xornadas maratonianas, eventualidade, despedimentos ou salarios por debaixo do pactado no convenio, que na maior parte das veces pasan pouco dos 2,5 euros á hora. O día a día das traballadoras e traballadores dos talleres auxiliares contrasta cos datos de exportacións que sitúa a Galiza como a segunda comunidade que máis téxtil exporta do Estado.

- 16:22 29/11/2006
Tags:

"Cada vez que escoito que Inditex ingresou non sei cantos millóns penso ‘que lle pregunten aos traballadores dos talleres como teñen que sobrevivir’". Son palabras dunha empregada dun dos talleres auxiliares en que se acostuma subcontratar boa parte da produción das grandes firmas galegas.

A liberalización das exportacións entre os Estados da Organización Mundial de Comercio está a marcar nos últimos dous anos a evolución do sector. As grandes marcas ven nos baixos custos laborais dos países con menor grao de desenvolvemento unha oportunidade para loitaren contra a dura competencia chinesa.

Nun principio, todos os actores desta película –empresas, talleres, sindicatos, institucións– parecen estar pelexando contra un mesmo inimigo: a temida deslocalización. Aínda así, a trama vai máis alá. A apertura do mercado presenta oportunidades e ameazas para as grandes empresas, pero só inconvenientes para os talleres auxiliares. Os xigantes da moda galega aproveitan lexitimamente as oportunidades que ofrece o liberalismo económico e, deste xeito, están a externalizar boa parte da súa produción. Loxicamente este beneficio non repercute na figura do taller auxiliar, que ten que cargar co morto das cifras da competencia asiática e que convive coa ameaza do peche constantemente.

Pouco máis de dous euros e medio por hora
Neste contexto, as traballadoras (máis dun noventa por cento son mulleres) dos talleres auxiliares son as primeiras prexudicadas. O convenio colectivo marca un salario mínimo de 683 euros brutos ao mes. Así e todo, a realidade é ben distinta nestas empresas. "Son moitos os casos en que se asinan nóminas que logo non se chegan a cobrar" asegura Dolores Martínez Castelo, secretaria comarcal da CIG. As condicións das traballadoras rozan a ilegalidade, pero sinala que as técnicas para levalas a cabo están moi depuradas.

Mercedes López, de Comisións Obreiras, sinala unha grande diferenza entre os talleres propios das grandes marcas e os auxiliares, e asegura que boa parte das traballadoras destes últimos cobran unha nómina menor ca a que marca o convenio colectivo. "A media pode estar nos 550 euros, incluíndo as pagas extras rateadas", di tamén Martínez Castelo, "isto na maior parte dos casos non se denuncia por medo a perder o posto de traballo". Deste xeito, as empregadas deste tipo de talleres, que recoñecen que adoitan traballar como mínimo arredor de cinco horas máis das acordadas á semana, están a percibir unha media de pouco máis de dous euros e medio á hora.

Irregularidades
Á problemática salarial hai que sumarlle as irregularidades nas contratacións. "Realizan contratos por once meses para así non ter que pagar as vacacións" comenta Luciano Villar, secretario comarcal do téxtil da CIG en Vigo. Tamén é habitual seguir o convenio para esixir xornadas de dez horas durante varios meses para responder a picos de produción. Porén, "en moitos casos despídese á traballadora antes de que poida gozar doutros tantos meses cunha xornada de só seis horas" sinala Villar, que recoñece que "se parte da base dun convenio moi modesto, recolle practicamente o que di o Estatuto do Traballador".

Traballadoras e sindicatos sinalan outros casos como o despedimento encuberto para non pagar baixas por maternidade ou os "toques de atención e presións ás persoas que deixan o seu posto de traballo para ir aos servizos". Tamén se denuncian irregularidades no referido aos tempos de descanso, dificultades e impedimentos para a realización de actividades sindicais ou incluso as pésimas condicións físicas en que se atopan moitos destes talleres.

Na actualidade estímase que preto de 20.000 persoas traballan no sector aínda que desde os sindicatos sinalan que é case imposíbel estimar cantas destas empregadas o fan nos talleres auxiliares. Dolores Martínez asegura que a "cifra supera con moito o cincuenta por cento". Deste xeito, estamos a falar de case dez mil traballadoras e traballadores que ven como a ‘ameaza chinesa’ comeza a ventarse. Entre tanto, as grandes firmas láianse mentres presentan con fachenda os datos de exportacións e facturacións.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: