Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A MAIORÍA DE PARLAMENTARIOS APOIAN A INICIATIVA

O Parlamento canadense aproba que o Quebec "é unha nación"

O Partido Conservador, actualmente no goberno, a maioría do Partido Liberal, o independentista Bloque Quebequés e os socialdemócratas do NDP, sumaron 266 votos a favor fronte a 16 en contra, aprobando a moción que recoñece que os quebequeses "forman unha nación dentro do Canadá". Segundo o primeiro ministro, Stephen Harper, o recoñecemento era necesario para responder ás demandas quebequesas, que no último referendo ao respecto estiveron a escasas décimas de aprobar a independencia para a rexión.

- 07:04 28/11/2006
Tags:

Os independentistas tentaron a última hora, aínda que sen éxito, que se aprobase outra moción que expresaba que o Quebec é unha nación que "actualmente" forma parte do Canadá. Con todo, o seu líder, Gilles Duceppe, asegurou que o texto aceptado polos parlamentarios é un chanzo decisivo nas aspiracións do seu partido.

O debate destes días creou importantes tensións políticas no Canadá. No propio partido gobernante, a sorpresiva iniciativa do primeiro ministro foi recibida con desigual aceptación por non ter sido debatida antes internamente, e o ministro de Asuntos Intergubernamentais, Michael Chong, presentou a súa dimisión antes da votación. O tirapuxa tamén se produciu no principal partido da oposición, onde deputados escollidos no propio Quebec se amosaban máis favorábeis a votar en favor do texto.

  • O goberno canadense acepta definir o Quebec como "nación"


0/5 (0 votos)