Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CABEZAS DE LISTA NA XII ASEMBLEA DO BNG

Quintana, Beiras, Fermín Paz e Charo Fernández a pola portavocía nacional

Sen que haxa sorpresas de última hora, finalmente serán catro as candidaturas que compitan por controlar o máximo órgano de goberno do BNG: O Consello Nacional. Anxo Quintana encabezará a chamada "lista oficial"; Charo Fernández Velho a da Alternativa; Xosé Manuel Beiras a do Encontro Irmandiño; e Fermín Paz defenderá dende a tribuna o Movemento pola Base. Este venres 24 péchase o prazo para presentar as listas completas no local nacional. Ata o de agora só o fixo a Alternativa.

- 19:24 23/11/2006
Tags:

A medianoite do venres pecharase o prazo para presentar candidaturas á XII Asemblea Nacional do BNG. Poucas horas antes de que isto ocorra está practicamente confirmado que serán catro as listas que pelexen polos votos da militancia. Fontes solventes da organización frontista dan por feito que os catro ases que subirán á tribuna serán Anxo Quintana, Xosé Manuel Beiras, Charo Fernández e Fermín Paz.

Anxo Quintana liderará a candidatura "oficial". O seu barco contará co decidido vento a favor da UPG. A última hora continuaban os contactos para "encaixar" unha lista na que volverá ter un peso específico o partido de Francisco Rodríguez. Aínda que se falou da posibilidade de que o "quintanismo" e a UPG concorreran por separado, por mor das desavinzas, o acordo programático entre as partes está pechado dende principios desta semana. Esta lista defenderá diante da Asemblea Nacional a necesidade de afortalar o papel do nacionalismo na Xunta como importante eixo para a "transformación do país".

Propostas
O Encontro Irmandiño levará a Xosé Manuel Beiras Torrado como número un na súa candidatura. Aínda que había voces que falaban das dificultades desta corrente para ocupar todos os postos, un destacado membro dos "irmandiños" sinalaba este mesmo xoves que pronto se vai demostrar que isto era unha simple "intoxicación". Centrarán o seu discurso na necesidade de preservar a esencia asemblearia do Bloque e na de acentuar as teses de "construción nacional". Consideran que o papel do BNG na Xunta non está a ser o axeitado.

O Movemento pola Base tamén presentará lista. Practicamente todas as fontes consultadas onte daban por feito que Fermín Paz Lamigueiro encabezaría a candidatura. Fermín Paz, membro da executiva da CIG, é un histórico do sindicalismo nacionalista. El será o encargado de defender as teses desta corrente: un maior peso da esquerda, reforzo da mensaxe nacionalista e defensa do asemblearismo. Canda un aumento da presencia da organización no tecido social.

Aínda así, polo de agora só rexistrou a súa candidatura a chamada Alternativa, encabezada pola profesora ordense Charo Fernández Velho. Canda ela estarán nos primeiros postos Amanda Traba, Alberte Rodríguez Feixó e Camilo Nogueira. Solicitan que se respecte a pluralidade do Bloque e que se defendan postulados soberanistas dende unha perspectiva europeísta.


Ligazóns

0/5 (0 votos)