"Os galegos forman unha nación". Así quedaría resolto o tirapuxa estatutario galego segundo a fórmula que levou esta semana ao Parlamento canadense o Bloque Quebequés: "Os quebequeses forman unha nación". A iniciativa foi vista polo primeiro ministro como unha concesión excesiva para o grupo que alenta o independentismo no Quebec, polo que propuxo unha fórmula de consenso: "Os quebequeses constitúen unha nación dentro dunha Canadá unida". O resto de grupos parlamentarios semellan dispostos a apoiar esa moción.
"Os quebequenses forman unha nación dentro dunha Canadá unida? A resposta é si", concedeu Stephen Harper, primeiro ministro canadense. Pola contra, matizou que se a pregunta é "os quebequenses forman unha nación independente de Canadá?", a resposta "é, e será sempre: non". Harper salienta o "rol histórico" que no desenvolvemento do estado canadense tivo esta rexión, "un Quebec independente que está orgulloso e ao tempo é solidario cun Canadá forte, libre e independente". Harper explica que a súa moción "simplemente recoñece a realidade histórica, mentres que a do Bloque "non fala do que os quebequeses son, senón do que aos soberanistas lles gustaría que fose".
O Quebec promoveu xa dous referendos, o primeiro en 1980 e o seguinte en 1995, preguntándolle aos cidadáns sobre unha posíbel separación do Canadá, malia que os electores nas dúas ocasións votaron en favor dun modelo federalista co Quebec integrado no Canadá.
"Os quebequeses constitúen unha nación", foi a proposta que lle achegou ao Parlamento o Bloque Quebequés, o grupo político que reclama a independencia. O líder da formación, Gilles Duceppe, insistiu en que lle corresponde aos cidadáns decidir sobre o que é o Quebec. Foi diante desa iniciativa que o primeiro ministro, Stephen Harper, introduciu outra moción, onde se engade: "Os quebequeses constitúen unha nación dentro dunha Canadá unida". Os principais partidos da cámara canadense poderían apoiar esa iniciativa de Harper, líder do Partido Conservador. Paradoxalmente, a idea podería afrouxar a tensión no propio Partido Liberal, onde o debate sobre o mesmo asunto estaba abrindo importantes fendas na formación, especialmente cos líderes do partido no Quebec.
Agora que as formacións políticas galegas rifan sobre o modelo que tomar como referencia para consensuar o preámbulo do Estatuto e as oportunidades para unha fórmula galega, aproveitamos para reparar neste debate canadense. Xa que logo, como sería a adopción dunha redacción similar: "Os galegos forman unha nación, dentro dun Estado español unido?".
Máis no Toronto Star e no Montreal Gazette.