Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
AS REFLEXIÓNS DOS LECTORES DE VIEIROS

E ti que poñerías no preámbulo do novo Estatuto?

Touriño di que imos seguir sendo de "primeira", Quintana advirte que ten que reflectirse que Galiza é unha nación e Rajoy asegura que se este termo se inclúe no texto chama aos do Tribunal Constitucional. E os lectores de Vieiros que din? Facemos unha primeira peneira do debate no foro aberto para pensarmos un preámbulo.

- 12:38 22/11/2006
Tags:

X.A.Pena suxire a expresión: "O Pobo Galego define de xeito amplamente maioritario a Galicia como nación. A Constitución española, no seu artigo segundo, recoñece a realidade nacional de Galicia como unha nacionalidade".

Galegox propón introducir a seguinte lembranza: "O día 22 de setembro de 1933, Galiza é recoñecida como nación no IX Congreso das Minorías Nacionais de Europa que, organizado pola Sociedade das Nacións (antecedente da ONU), se celebra en Berna".

A idea de Lugués é parecida: "Recoñecida secularmente como territorio hispánico e europeo, Galicia configurouse na historia como nación (A conciencia de tal, asumida progresivamente polas elites galeguistas desde o século XIX, espallouse entre o pobo durante o XX e foi sustentada pola Sociedade de Nacións no 1933. Arestora, mediante documento estatutario, o Parlamento proclama e a sociedade referenda o noso carácter nacional".

Tamén de inspiración histórica, Celtia propón falar de Galiza como "Herdeira do Reino de Galicia, primeiro reino do continente europeo". Xan De Fornas pide quitarlle ferro á introdución da palabra "nación"

Dur láiase do propio feito de que a pregunta dea para tantas rifas e debates, "queremos seguir como rexionciña ou ter soberanía e futuro?"

Aranha, cavila que para evitar enfrontamentos pola palabra nación se opte por poñer simplemente "Galiza é un país", fórmula que na súa opinión "está estendida na nosa lingua e comunmente aceptada".

Perico77 aposta por tomar referencia no himno para o consenso: "nazón de Breogán" e a pé de seu comentario, Anxo opina que debera incluírse a referencia "Galicia é unha nación sen Estado que pertence á Unión Europea" ou mesmo a fórmula "nación da Unión Europea con identidade propia".

A riquee válelle con "Comunidade autónoma de España".

O Castrexo ofrece unha lista de motivos para recoñecérmonos como nación.

O "humor estatutario"
Moitos foreiros aproveitan para verlle o lado cómico á cuestión, e así por exemplo atopamos a idea de Tego: "Confederación Tribal da Gallaecia" ou Iago, quen deixa caer a proposta "Galicia caníbal".

Xabre tira polo lado gastronónomico e nun país de tantas merendas e papanzas reflexiona que Galiza, no canto de nación "é unha ración, dentro da indisolúbel Ración Ibérica Rancia (RIR)".

Mexacan, fai varias achegas: "Galiza e unha unidade de destino na subvención"; "O pobo galego na percura do seu benestar social fará o posible por emporcar os seus mares, queimar os seus montes, estragar as praias, construir onde e como lle pete, deturpar a súa lingua, e manterse na condición de súbdito" ou "o pobo galego comprometese firmemente a desaparecer como tal e a proclamar que Galiza foi un mito creado por catro interesados".

David Paz afirma que "Galiza é un curruncho dun lugar máis amplo, nomeadamente a Península Ibérica, orograficamente cheo de ríos coas súas correspondentes minicentrais e algún que outro penedo enlamado, xeograficamente situado lonxe de Madrid e poboado por estranos personaxes"


0/5 (0 votos)