Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
INTERCAMBIO DE HORAS E SERVIZOS ENTRE PERSOAS

Allariz e Foz contarán cos primeiros bancos de tempo galegos

Os municipios de Allariz e Foz serán as primeiras localidades galegas que poñan en marcha o sistema de bancos de tempo. Trátase dun sistema de intercambio de tempos entre persoas no que cada participante ofrécelle ao banco horas do seu tempo en función das habilidades ou coñecementos que ten. Logo, recíbense a cambio modalidades de servizos que ofrecen outros usuarios do banco e que se corresponden coas súas necesidades e demandas. A iniciativa enmárcase dentro do Proxeto Arco, que procura fórmulas de reforzamento da conciliación da vida persoal e laboral no mundo rural.

- 11:26 22/11/2006
Tags:

Desde o Servizo Galego de Igualdade, impulsor do proxecto en Galiza, destácase que os bancos de tempo son unha iniciativa moderna, que xa leva moitos anos funcionando en países como Italia e Inglaterra pero que aínda non se puxera en práctica na nosa comunidade.

O SGI apostou por este sistema xa que considera que se adapta moi ben á idiosincrasia do rural galego, onde sempre existiu unha importante tradición de intercambio de tarefas agrarias. "Trátase de mesturar a modernidade de fórmulas como os bancos de tempo coa tradición do traballo voluntario no agro galego" aseguran desde Vicepresidencia.

O estudo "Os bancos de tempo: unha estratexia de organización comunitaria no espazo rural" determinou a elección de Foz e Allariz como escenario das primeiras experiencias en Galiza deste proxecto. Nos próximos meses, técnicos e responsábeis do SGI traballarán co persoal destes concellos e das asociacións municipais para pór en marcha o sistema.

Unha vez rematada esta experiencia piloto, Vicepresidencia apoiará os concellos que queiran implantar un banco de tempo como dinamizador do desenvolvemento comunitario.


5/5 (1 votos)