O encontro entre o progreso económico dun lado, e o respecto polo medio ambiente e os recursos naturais polo outro parece desafío complicado á luz dos escándalos que nos últimos tempos poñen de actualidade o caos no crecemento de moitas vilas e cidades. Diante da situación, a Xunta deseñou un programa piloto de integración a nivel local "de todas as actuacións que dende as administracións se promovan para acadar o desenvolvemento sustentábel".
A iniciativa, que quere ser modelo a aplicar no conxunto do país, foi presentada este luns pola Consellería de Medio Ambiente. Vaise poñer en marcha nos concellos de Abegondo, Muros, O Barco de Valdeorras, O Covelo, a Reserva da Biosfera (integrada por Allariz, A Bola, Rairiz e Vilar de Santos), e a comarca de Pontevedra (con Barro, Poio, Pontecaldelas e Vilaboa). Os concellos escollidos abranguen unha poboación conxunta de 80 mil habitantes.
Para poñer en marcha esta idea vaise crear unha Axencia de Sustentabilidade Local, para a xestión da relación entre as iniciativas locais e autonómicas, que terá sé propia en cada un dos Concellos. Unha das claves será a integración dos actores sociais en cada un destes municipios. Para afondar nesa relación, vanse crear os Comités de Xestión dos Núcleos, que incluirán asociacións culturais, veciñais ou de empresarios e colectivos varios e que definirán o Plan Integrado de Sustentabilidade. Prometen ademais a formación de técnicos especializados, a promoción de campañas de sensibilización entre os veciños e a integración en iniciativas internacionais para o ingreso de novos recursos e o intercambio de experiencias.