Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ACUSAN AO GOBERNO DE APLICAR A LEI "EN FUNCIÓN DA COR POLÍTICA"

Rueda quéixase de que a Xunta só actúa contra o urbanismo dos concellos do PPdeG

Lembrando que o propio director xeral de Urbanismo cualificou no Parlamento de "preocupante" a situación do urbanismo no concello lugués de Foz, gobernado polos socialistas, desde o PPdeG din ver un uso "partidista" das competencias de control urbanístico. O secretario xeral do PPdeG, Afonso Rueda, critica que o executivo non actuou aínda sobre o planeamento deste municipio e pola contra si paralizou xa o urbanismo do veciño Concello de Barreiros.

- 13:56 20/11/2006
Tags:

"É sorprendente", indicou o secretario xeral dos populares ao respecto, laiándose de que o propio director xeral puxese en dúbida o planeamento urbanístico do goberno socialista focense e "agora paraliza, sen aviso previo ningún, o do goberno popular de Barreiros, sen tomar en cambio ningunha medida cara ao de Foz". Con todo Vieiros puido saber que ese aviso ao equipo de goberno de Barreiros si se producira xa na altura do pasado mes de marzo.

Ao fío, Afonso Rueda descartou saír en defensa do labor do grupo de goberno do PPdeG en Barreiros, pero insistiu en que de toda a Mariña luguesa os concellos con maior número de licenzas urbanísticas nos últimos tempos son "os socialistas de Foz e Ribadeo".

Segundo os populares, a Consellería de Política Territorial está amosando "tolerancia" fronte aos concellos socialistas onde hai irregularidades urbanísticas, mentres centra a súa atención nos concellos con alcalde do PPdeG. "Isto racha a lealdade institucional", opina Rueda, denunciando "o uso partidista da política urbanística". Os populares tamén acusan á consellería dirixida por María Xosé Caride de estar tramitando os informes urbanísticos "con imcompresíbel lentitude". "Isto provoca a paralización dos plans e contribúe a subir o prezo do solo", di Rueda.


0/5 (0 votos)