O concello coruñés de Curtis arrastra polémica desde hai dous anos polo deseño do seu Plan Xeral de Ordenación Municipal. Ademais das mobilizacións dos veciños que protestaban polo documento, algúns detalles mesmo provocaron rifas no propio grupo de goberno, nas mans do PPdeG, levando incluso á dimisión do concelleiro de Urbanismo. A Consellería de Política Territorial decidiu non outorgarlle a aprobación definitiva e elaborou un informe con recomendacións para a súa modificación. Entre outros a Xunta detectou irregularidades na identificación de predios para uso industrial, falta de datos sobre a delimitación dos núcleos rurais e a inexistencia de zonas de especial protección paisaxística.