Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
HABERÁ CAMPAÑAS PARA SENSIBILIZAR A COMUNIDADE EDUCATIVA

O decreto para aumentar o galego na secundaria aplicarase xa o vindeiro curso

A Consellería de Educación continúa a elaborar un decreto para aumentar a presenza da nosa lingua no ensino secundario. O calendario previsto é que o texto estea aprobado oficialmente en marzo e que entre en vigor no curso 2007/08. As tres forzas políticas reuníronse nas últimas semanas de xeito extraoficial para trataren o asunto. Educación comprometeuse a presentar un borrador nas vindeiras semanas. Tal e como xa adiantara Vieiros, o decreto obrigará a que, como mínimo, a metade das materias sexan impartidas en galego. A medida levará aparellada unha campaña para sensibilizar a comunidade educativa, especialmente o profesorado.

- 12:37 16/11/2006
Tags:

A porcentaxe de mozos galegofalantes non deixou de baixar nas últimas dúas décadas. É evidente que os plans de galeguización do ensino non universitario foron un fracaso. O decreto 245/95 marcaba que, como mínimo, Lingua e outras dúas materias obrigatorias debían ser impartidas no idioma do país. Aquela paupérrima medida para fomentar o galego nin sequera se cumpría en moitos centros concertados, e incluso nalgún de carácter público.

Agora a Consellería de Educación quere adaptar o vello decreto ao Plan de Normalización Lingüística que o propio Parlamento de Galicia aprobou en 2004. O documento recomenda que, como mínimo, a metade das materias do ensino secundario sexan en galego. Aínda así, dada a penosa situación que sofre o idioma no ensino, non está descartado que esta porcentaxe aumente. As posturas dos partidos diverxen, incluso entre os que sosteñen o goberno. Os socialistas consideran que as recomendacións mínimas do Plan de Normalización son un bo punto de partida. Pola súa parte, os nacionalistas defenden unha visión máis ampla do documento que axude a deter e mesmo a inverter a incesante perda de falantes entre a xuventude. Dende os dous partidos consideran que é factíbel unha solución que sexa asumíbel polo PSdeG e polo BNG.

Apartheid lingüístico
Mais difícil semella a unanimidade. O PPdeG négase a apoiar calquera modelo que se decante claramente pola galeguización efectiva do ensino. Os conservadores consideran que os falantes de castelán poderían verse agraviados. Incluso dende as filas socialistas sospeitan que aos de Núñez Feijoo lle parece excesiva a aplicación dos mínimos que contempla un Plan de Normalización que no seu día apoiaron. Mesmo hai sectores conservadores que avogan por diferentes modelos lingüísticos nun mesmo centro. Acaba de demostralo esta semana co ensino infantil. O PpdeG quere que as familias decidan entre un ensino máis ou menos galeguizado. Para o bipartito esta proposta equivalería a impoñer unha especie de "apartheid" lingüístico nos centros escolares.

Sexa como for, o bipartito ten claro que o decreto que se aprobe para a secundaria, a diferenza do que acontecía até o de agora, terá que cumprirse. O primeiro paso que quere dar a consellaría é aproveitar este mesmo curso para dar a coñecer os plans entre a comunidade educativa, especialmente entre os docentes. A medida precisará dun aumento do número de inspectores e dun maior control dos centros privados, que tamén terán que rexerse por este decreto.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: