Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
PIDE QUE SE INVESTIGUE AO ALCALDE E A CINCO EDÍS

A Fiscalía ve indicios de tráfico de influencias no Concello de Nigrán

O municipio de Nigrán leva traza de converterse na Marbella galega. A Fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) acaba de anunciar unha denuncia contra o alcalde, Alfredo Rodríguez (PP), e outros cinco concelleiros. A acusación pública considera que hai indicios suficientes para que os políticos locais sexan investigados por un delito de tráfico de influencias. O paso xudicial dáse logo de que centos de veciños do municipio saíran á rúa para denunciaren a existencia de irregularidades no Plan de Urbanismo e de que presuntas mafias urbanísticas atentasen contra concelleiros e veciños opositores.

- 11:56 15/11/2006
Tags:

A denuncia do fiscal afecta ao ex alcalde do PP Avelino Fernández; ao concelleiro de Urbanismo, Carlos Quintas; ao ex concelleiro de Vías e Obras, José Comesaña; ao ex edil Antonio Fernández Comesaña; e ao concelleiro de Patrimonio e Contratación, Eduardo Misa. A Fiscalía comezou a traballar no asunto logo de ser advertida por colectivos veciñais dunha compra de terreos afectados polo Plan de Urbanismo. Na denuncia sinalábase que esta operación tería achegado notábeis beneficios aos compradores, ex directivos do Celta de Horacio Gómez. Entre as promotoras beneficiadas estaría unha do actual presidente celeste, Carlos Mouriño.

Os xuíces terán que ditaminar se os que compraron as parcelas sabían que se ían beneficiar das recualificacións urbanísticas posteriores. Hai que lembrar que o Plan de Urbanismo de Nigrán no chegou a debaterse pola forte presión veciñal. O alcalde decidiu o mes pasado retirar o plan até logo das eleccións municipais pola oposición do pobo. Nos próximos meses as autoridades teñen que decidir se se inician accións penais contra os seis políticos locais.

Non hai que esquencer que en xaneiro deste mesmo ano un veciño que denunciou as tramas urbanísticas viu como lle ardía o coche no seu propio fogar. Poucos meses antes, segundo todos os indicios, as mafias do cemento fixeron o mesmo co automóbil dun concelleiro do BNG. Os colectivos denuncian que en Nigrán hai intereses multimillonarios en xogo e indicios de corrupción política e empresarial.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: