A conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, María José Caride, reunise esta mañá co presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias, Xosé Crespo. Os dous políticos coincidiron na necesidade de apurar a constitución da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística. Caride espera que a vindeira semana se poida firmar o decreto de constitución da axencia que velará por un urbanismo sustentábel.
O órgano consorciado preséntase coma unha nova ferramenta para loitar contra a desfeita urbanística que sofre o país. A propia consellaría sinala que a misión deste ente é a inspección, a reposición da legalidade urbanística e a sanción. Crespo sinalou que a axencia pode ser "moi válida" pero insistiu na necesidade de que o organismo "teña os maiores recursos posíbeis dentro dos orzamentos". Política Territorial destinará 408.000 euros o vindeiro ano para a posta en marcha deste organismo.
A posta en marcha deste servizo coincidirá con outra medida do goberno central: A creación dunha brigada da Garda Civil especializada na loita contra a corrupción urbanística. Estas medidas tómanse cando falta pouco máis de seis meses para os comicios municipais. O urbanismo, en medio da voráxine de escándalos, será o verdadeiro protagonista. O debate continúa. Haberá que ver se as novas medidas serven para atallar un dos cancros do sistema ou só son remendos de cara a sociedade. Mentres tanto, por desgraza, as ilegalidades urbanísticas e a conivencia entre determinados políticos e empresarios seguen a estomballar calquera posibilidade de desenvolvemento sostible tamén no noso país.