Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
SERÁ REVISADO CADA DOUS ANOS

Catro anos despois do Prestige haberá á fin Plan de Continxencias por Contaminación Mariña

"Garantirá unha resposta integrada, en tempo real, coordinada e eficaz ante unha hipotética situación deste tipo", explicou o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, á saída do Consello onde a Xunta estudou o plan que prometen aprobar na xuntanza da próxima semana. Ao fío do cuarto aniversario do afundimento do Prestige e fronte ás recentes mobilizacións avisando da falta de ambición das administracións fronte a posíbeis próximas catástrofes, o goberno galego acelera así a presentación dun plan que estabelecerá con claridade o protocolo que debe seguirse diante dun accidente con contaminación mariña.

- 08:01 10/11/2006
Tags:

O goberno subliña que coa entrada en funcionamento deste proxecto Galiza contará por vez primeira cunha capacidade de resposta "global e eficaz" contra a contaminación mariña. O presidente da Xunta destacou a creación do chamado Centro de Coordinación Operativa, "un órgano de dirección que funcionará baixo o mandato do conselleiro de Presidencia no que se integran as consellarías de Pesca, Política Territorial e Medio Ambiente", ademais de todos os organismos responsábeis que teñan algo que ver coa resposta ante unha situación de contaminación marítima, ben sexa por un buque en altamar, ou por vertidos froito de accidentes en factorías a pé de costa. En caso necesario inclúe tamén a intervención das consellarías de Innovación e Industria, Sanidade e Economía.

O Plan fai repaso dos medios, humanos e materiais, que sería necesario despregar diante dun accidente deste tipo, e avalía a resposta máis axeitada en cada caso tendo en conta as especiais características das costas galegas. O proxecto inclúe a creación de Grupos Operativos de Protección Civil, de Resposta en Terra e de Resposta en Mar, e dunha Unidade de Apoio Loxístico, ao tempo que estabelece un programa de adestramentos e simulacros para ampliar a eficacia da resposta fronte a crises. Ademais, prometen sometelo a revisión cada dous anos para incorporar calquera modificación condicionada por avances tecnolóxicos e axustes froito da experiencia acumulada e is posíbeis cambios lexislativos.


Ligazóns

0/5 (0 votos)