Hai días que a Xunta presentou formalmente os orzamentos para 2007 e ao longo desta semana seguiron as comparecencias individuais dos diversos departamentos do goberno, explicando polo miúdo as prioridades das contas de cada un dos seus equipos. Á beira, e logo de que o feixe de papel que habitualmente acompañaba a foto da presentación do proxecto mudase nun CD, a consellaría de Economía desenvolveu un didáctico recuncho na súa web: Que son os orzamentos. O espazo axuda a facer accesíbeis cara aos cidadáns o amplo volume de documentos, explicando organizadamente os seus principios políticos e económicos, as súas fases, e os obxectivos e retos básicos aos que o executivo quere responder.