O dereito a estudar en galego no ensino secundario foi masivamente apoiado na maioría de centros educativos do país na xornada de paro deste mércores, segundo avalía a Mesa pola Normalización Lingüística. O colectivo anuncia próximas mobilizacións pola débil resposta desde a consellaría de Educación, e critica tamén a indiferenza da secretaría xeral de Política Lingüística fronte á convocatoria. Ao tempo, solicitan unha entrevista coa conselleira de Educación, Laura Sánchez Piñón, para tratar o asunto. Na mesma xornada, á conselleira tocoulle responder no Parlamento unha pregunta do PPdeG que criticaba a presunta redución de horas de ensino de castelán nas aulas galegas. Sánchez Piñon subliñou que os alumnos de Primaria reciben segundo a norma actual catro horas semanais de lingua e literatura galega e catro de lingua e literatura española, e criticou a visión negativa do PP, indicando que "ter dúas linguas oficiais non fai máis que enriquecer e mesmo ampliar o tempo dedicado ao ensino-aprendizaxe da área de lingua".