Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
GALEGO NA ESCOLA, MATERIA PENDENTE

Un ensino aínda "moi castelanizado"

Máis do 60% da poboación que estuda en Galiza recibe as clases só en español ou maioritariamente en español, deixándolle un 38.3% ao galego, segundo a enquisa de condicións de vida do Instituto Galego de Estatística, IGE. Recollendo entre outros eses datos e peneirando cifras até 2003, o último estudo do Consello da Cultura sobre a sociedade galega e o idioma, advirte que os resultados medios atopados nos centros educativos "reflicten un ensino aínda moi castelanizado, que apenas correlaciona cos usos dos suxeitos noutros eidos da vida". Con todo, o informe quere ser optimista e subliña o potencial das escolas como ámbito onde o galego se vexa favorecido.

- 07:17 08/11/2006
Tags:

No complicado escenario que as cifras viñeron amosando para a lingua nas últimas décadas, a análise que o Consello realizou entre os datos do Mapa Sociolingüístico de Galiza, deica 1992, e as cifras ofrecidas polo Instituto Galego de Estatística até 2003, atopan unha esperanzadora perspectiva concluíndo que a tendencia á perda de falantes se estaba freando.

Se ben un 65.7% dos galegos que teñen máis de 65 anos son monolingües en galego, no treito das xeracións que teñen entre 26 e 35 anos, a porcentaxe cae a menos da metade, só un 29.4% de galegofalantes. A redución é máis moderada no treito seguinte, entre 16 e 25 anos, un 27%, e mesmo sobe ata un 28% nos menores de 16. Así e todo, e malia esa estabilización dos números, máis difícil aparecía falar de recuperación. Na presentación da investigación, un dos directores do informe, o lingüista Henrique Monteagudo, avisou sobre o escaso peso da escola na promoción do uso da lingua, situación que cualificou de "fracaso", facendo un chamamento a mudar a política educativa con respecto a lingua e a abandonar un modelo "orientado á ortografía" por un que potenciase "as capacidades comunicativas".

Algunhas cifras
Mirando os datos de 2003, últimos dispoñíbeis, só o 38.33% da poboación galega que estuda en Galiza recibe as clases en galego ou maioritariamente en galego. O 31.97% utiliza sempre ou maioritariamente o galego para responder nos exames. O 31.05% escribe maioritariamente ou sempre en galego na escola. Ademais, o 35.01% dos estudantes falan en galego sempre, ou maioritariamente, cos seus compañeiros, porcentaxe similar á hora de falaren cos profesores, 35.09%.


Ligazóns

0/5 (0 votos)