A sección xuvenil da Mesa pola Normalización Lingüística móstrase "pletórica" polo resultado da folga estudantil, na que se reclamou o dereito a estudar en galego no ensino secundario. Considera que as cifras facilitadas pola Consellería de Educación son "á baixa". Critican que este departamento cifre en 66.000 os folguistas (un 44% do estudantado). O problema é que estes números inclúen os rapaces de primeiro ciclo da ESO que, segundo A Mesa, non estaban convocados por precisar autorización dos pais. O colectivo cifra nun 90% o seguimento do paro nos centros públicos. Por último pídelle á consellaría que tome nota se non quere unha folga "máis intensa no mes de xaneiro".