Con preto do 100% do reconto realizado, a ampla vantaxe de Daniel Ortega, candidato da Fronte Sandinista de Liberación Nacional, confirma que será presidente de Nicaragua sen necesidade de ir a unha segunda volta. O segundo en apoios, Eduardo Montealegre, da Alianza Liberal Nicaragüense, xa visitou ao seu rival para darlle os parabéns pola vitoria, xesto que segundo o líder do FSLN amosa as "oportunidades para crear unha Nicaragua en reconciliación". "Sentimos que se están creando condicións para a práctica dunha nova cultura política, que nos leve no medio da adversidade e as diferencias, con espírito construtivo a poñer primeiro a Nicaragua e os pobres", afirmou Daniel Ortega.