Unha intervención de Dámaso López Rodríguez, deputado do PPdeG, provocou unha forte polémica no Parlamento de Galiza. Segundo denuncia o BNG, o representante conservador dirixiuse ao parlamentario Bieito Lobeira desta forma: "Señor Benedicto, que vostede sexa presidente da Comisión de Cultura lémbrame cando Josu Ternera era presidente da Comisión de Dereitos Humanos no Parlamento Vasco". Dende as filas nacionalistas sinalan que pedirán amparo e critican a "pasividade" da presidenta do Parlamento, a socialista Dolores Villarino.
O portavoz do BNG no Parlamento de Galiza, Carlos Aymerich, cualificou como "graves" as polémicas declaracións. Anunciou que vai presentar un escrito á Presidencia do Parlamento para demandar amparo. Aymerich cualificou de "aínda máis grave" a actitude de Villarino, que se negou a pedir que o deputado conservador retirase as súas palabras. Segundo o BNG, Villarino retrucou que Josu Ternera tamén era deputado na cámara vasca. "É falso porque o deputado era José Antonio Urrutikoetxea, mentres que o nome empregado polo deputado do PP é o alcume dun presunto membro de ETA". Tamén salienta que o portavoz dos conservadores, Xosé Manuel Barreiro, chegou a xustificar as palabras de López Rodríguez.