Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A FUTURA CARTA POLÍTICA GALEGA

Quintana: "Se o PPdeG cedese a metade có BNG, xa teriamos Estatuto"

Para o vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, o PPdeG non está demostrando interese en sacar adiante un novo Estatuto. Considera que a organización frontista ten feito concesións para lograr un documento de consenso pero que, polo contra, os conservadores non queren ceder nada. Pola súa parte, o presidente galego, Emilio Pérez Touriño, considera que é posible combinar un articulado constitucional cun preámbulo que recolla a identidade nacional de Galiza.

- 15:59 06/11/2006
Tags:

O Estatuto non acaba de coller carreira. Quintana pídelle a Alberte Núñez Feijoo que "recapacite" e faga propostas positivas. O lider do BNG considera que se os conservadores cedera a metade do que xa o fixo a organización frontista teriamos unha nova carta política. Pola contra asegura que "cando unha forza política quere utilizar os seus votos para bloquear o proceso, para impedir que isto avance dicindo que non a todo e sen propoñer ningunha medida positiva nin construtiva, así é difícil construír consensos".

Quintana recorda que Feijoo dixo en máis dunha ocasión que non permitiría un Estatuto para Galiza que estivera un centímetro por debaixo do catalán. "Pois o Estatuto catalán define a Cataluña como nación e el xa lle está negando iso a Galiza", di o líder do BNG, que convida a Feijoo a "mirar o que está acontecendo no seu partido en Cataluña".

Sobre posibles pactos ao respecto, Quintana amosouse convencido de que "cando o señor Feijóo fala dunha posibilidade de chegar a acordos co PSOE non é que teña intención de chegar a acordos co PSOE o que ten é ganas de enredar, para ver se pode enlamar e crear malestar e poñer a todo o mundo nervioso, e o único que se pon nervioso é el porque os demais estamos pensando e traballando para que Galiza teña o Estatuto que se merece, un Estatuto ambicioso e de nación".

Avance ou parón

Mentres tanto, Touriño afirma que é posible combinar un articulado constitucional do Estatuto cun preámbulo que recolla a realidade nacional de Galiza. Salienta que para iso espera que "o señor Núñez Feijoo estea en disposición de traballar nesa dirección positiva, que é o que nos permitiria avanzar".

Sexa como for, non semella que nas vindeiras semanas haxa cambios cualitativos no debate. O BNG non pode presentar diante das súas bases un Estatuto inferior ao catalán e o PPdeG négase a recoller o enunciado nación na futura carta política. Dende Génova cada vez son máis as presións neste sentido. O partido de Rajoy foi moi crítico coa reforma catalana e non quere permitir que suceda o mesmo en Galiza, onde o peso dos conservadores é infinitamente maior.

Segundo algunhas fontes, dentro da organización nacionalista cada vez hai máis voces que dubidan se é rendible sacar adiante un Estatuto a calquera prezo. Por iso consideran que, se o PPdeG non renuncia ás súas posturas maximalistas, é mellor non afrontar unha reforma que seria a todas luces insuficiente.


Ligazóns

0/5 (0 votos)