A Unión Europea ten cita esta semana para resolver o debate sobre a semana laboral, que na actualidade establece un máximo de 48 horas semanais. A presidencia finlandesa puxo na mesa unha proposta que permitiría un máximo de 60 horas de traballo por semana. Por outro lado, o comisario europeo de Asuntos Económicos, Joaquín Almunia, afirmou en entrevista para o xornal francés Libération que os gobernos da UE deberan renunciar ás fórmulas de prexubilación actuais e aumentar a idade de xubilación alén dos 65 anos.
Da xuntanza que este martes terán os ministros de Traballo da UE debera saír un acordo definitivo sobre este punto no que os socios comunitarios se veñen enfrontando nos últimos meses. A lexislación actual puxo o límite para a semana laboral do traballador en 48 horas, establecendo a chamada cláusula op-out, segundo a cal un traballador pode decidir traballar máis horas.
Países como o Reino Unido, que xa teimara durante a súa presidencia de quenda con levar o límite ás 65 horas, insisten en ampliar ese númer de horas. Doutra banda, están os que, como o Estado español, prefiren que se manteñan as 48 horas e piden que se eliminen as excepcións. Buscando o consenso, a presidencia finlandesa propón suprimir excepcións pero levar o máximo ás 60 horas.
Por outro lado, o eurocomisario económico Joaquín Almunia, axitaba tamén o escenario laboral estes días coas súas declaracións para Libération, levando a primeiro plano a necesidade de que a vida laboral dos traballadores europeos se estenda no tempo. Opina Almunia que cara a 2050 a poboación da UE non vai medrar significativamente e pola contra si haberá 58 millóns máis de cidadáns por riba dos 65 anos.
Segundo Almunia "os sistemas de pensións e sanidade, así coma os servizos de axuda á terceira idade van ser insustentábeis". Nesa liña propón tres solucións: saneamento de finanzas estatais eliminando os altos défices públicos nos próximos cinco anos, reforma dos sistemas de pensións ampliando período de cotización e aumento da empregabilidade en mulleres e maiores de 55 anos.