Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
XUVENTUDE PORÁ EN MARCHA A INICIATIVA EN 2007

Grupos de voluntarios aprenderanlle galego a inmigrantes e estudantes foráneos

A Dirección Xeral de Xuventude, en colaboración coa Mesa pola Normalización, traballan na elaboración dun novo servizo: o chamado Voluntariado Lingüístico. O departamento que dirixe Rubén Cela quere que esta figura sirva de axuda para aquelas persoas que veñan vivir ao noso país e descoñezan a lingua e cultura galega. Os primeiros grupos de traballo estarán xa activos o vindeiro ano.

- 13:55 04/11/2006
Tags:

Dende Xuventude sinalan que se ideou este sistema debido a que "hai moitas persoas que por diversos motivos non poden acceder a unha práctica da lingua galega. Hai outras que precisan de axuda para afrontar os retos de comezar unha nova estadía temporal ou permanente nunha nova comunidade". Todo isto explica o programa de Voluntariado de Activación Lingüística, que así se chamará oficialmente o servizo. No departamento de Vicepresidencia estiman que "a sociedade galega debe acoller as persoas que están en tránsito ou que veñen instalarse enriquecéndonos como sociedade e como cultura e por isto é fundamental procurar tempos e espazos de relación".

As persoas que queiran ser Voluntarias teñen que ter unha boa capacidade de expresión oral en galego e ganas de compartir os seus coñecementos. As persoas Activas ás que van dirixidos estes servizos son estudantes doutras comunidades do Estado e estranxeiros en intercambio e tamén a aquelas persoas non galegofalantes que comezan unha andaina en Galiza ou simplemente precisan mellorar os coñecementos do galego. Os Voluntarios comprométense a compartir, polo menos, vinte horas de intercambio coas persoas que desexan coñecer mellor o noso idioma.

Agárdase que esta iniciativa pioneira en Galiza teña especial difusión nos campus universitarios. Esta sería unha boa oportunidade para que estudantes doutros países tivesen uns coñecementos básicos da cultura e da lingua galegas. Aínda así, o programa ábrese a outros sectores. Non hai que esquecer que nos últimos anos chegaron milleiros de inmigrantes o noso país. Un dos retos é integralos da mellor forma, unha delas é ensinándolles a lingua propia de Galiza.


0/5 (0 votos)