Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
EN SINTONÍA CO LOBBY NUCLEAR

A Axencia Internacional de Enerxía recomenda a construción de centrais nucleares

"Aumentar o desenvolvemento da enerxía nuclear alí onde sexa legal" é a reflexión saída desde a Axencia Internacional de Enerxía, AIE, advertindo por primeira vez que os desafíos do cambio climático e o progresivo aumento dos prezos do petróleo, que a cada paso será máis escaso, só poden afrontarse apostando pola enerxía atómica. Así e todo, a recomendación formaría parte dunha "triple estratexia" que incluiría tamén a mellora da eficiencia enerxética, especialmente no ámbito de transporte e electrodomésticos, e o desenvolvemento das enerxías renovábeis.

- 13:52 03/11/2006
Tags:

A posición que oficialmente vén de establecer a Axencia aparece condicionada por argumentos similares aos da potente industria nuclear, que nos últimos tempos conseguiu tamén a beizón da Comisión Europea. A nivel da propia UE, alén do proxecto para construción de novas centrais atómicas no Reino Unido, o lobby nuclear conta tamén coa aprobación de Finlandia, que actualmente ten a presidencia de quenda da Unión Europea e levou o asunto á axenda do recente cumio enerxético UE-Rusia.

A Axencia Internacional de Enerxía foi creada en 1974 e integra algo máis de dúas ducias de países, entre eles Estados Unidos, Xapón, Turquía e a maioría dos da Unión Europea. Creouse co obxectivo de establecer políticas enerxéticas comúns entre os seus membros e avanzar conxuntamente na mellora do uso dos recursos enerxéticos. Con todo, na súa longa historia, nunca fixera público un informe tan especificamente en favor da enerxía nuclear. O seu presidente, Faith Birol, avanzou as liñas do estudo que presentarán aínda a semana que vén e que destaca a enerxía nuclear como a única ferramenta "que é capaz de loitar contra os problemas do actual modelo sucio, caro e vulnerábel".


Ligazóns

0/5 (0 votos)