A corrupción urbanística vai ser un dos grandes cabalos de batalla de cara ás eleccións municipais do vindeiro ano. Mentres tanto, as direccións dos partidos políticos atragóanse cos constantes escándalos que saen á luz. O último que se coñece é que o veterano alcalde de Cambre, o socialista Antonio Varela Saavedra, constituíu a medias en 1998 unha construtora co que fora o seu concelleiro de Urbanismo.
O coordenador provincial do PSdG coruñés, Moisés Rey, aseguraba que a dirección do partido estaba "sorprendida" logo de saber por medio do xornal La Opinión que o alcalde de Cambre e mailo seu ex concelleiro de Urbanismo, Xosé Luís Muñíz, constituíran a medias unha empresa construtora. Con esta sociedade, en unión doutros empresarios, os dous políticos edificaron e venderon varios edificios de vivendas en Sada. Cabe lembrar que este último concello, gobernado polo coñecido Ramón Rodríguez Ares (PP), está no centro de moitas polémicas polas continuas denuncias urbanísticas. O alcalde de Cambre e mailo daquela concelleiro de Urbanismo fundaron hai case oito anos a sociedade Laguna Hogar, S.L.
A noticia non causou especial sorpresa na bisbarra coruñesa. Nos últimos meses véñense publicando diferentes artigos sobre polémicas actuacións urbanísticas dos seus alcaldes. Escándalos deste tipo teñen afectado o alcalde de Arteixo, Manuel Pose Miñones (PP); o de Oleiros Ángel García Seoane (independente); ou ao ex rexedor herculino, Francisco Vázquez (PSdG). Aínda así, o fenómeno non é, nin moito menos, exclusivo da zona. En Nigrán o alcalde popular Alfredo Rodríguez Millares vén de retirar un polémico Plan Xeral pola gran presión dos veciños, que consideran que detrás do mesmo hai evidentes irregularidades e intereses espurios.
Quen nos defende da especulación?
Mentres tanto, é máis que evidente que o sistema non dispón de mecanismos legais efectivos que freen un dos principais cancros da política local. Un exemplo é o que ocorre no noso país. O Servizo de Protección da Natureza (Seprona) da Garda Civil é o organismo encargado de perseguir construcións ilegais en zonas protexidas. A Xunta tamén dispón de inspectores para vixiar, especialmente, a zona costeira. Pero o problema é outro: Ninguén se encarga de investigar as corruptelas que rodean o urbanismo e que a miúdo involucran a políticas e empresarios do sector.
Logo do supino escándalo de Marbella e, diante da alarma social, o Goberno central prometeu crear un grupo de axentes dedicados exclusivamente a investigar tramas urbanísticas. Segundo os últimos datos, o executivo socialista que 260 axentes se encarguen desta función en todo o ámbito estatal. En Galiza funcionará no vindeiro ano unha pequena brigada deste tipo. Aínda así, nestes momentos o Goberno galego non dispón de mecanismos propios para a loita anticorrupción. Unha das promesas deste goberno é a creación dunha verdadeira Policía Autonómica que comezará a dar os seus primeiros pasos en 2008. A pregunta é se o corpo terá competencias para loitar contra as tramas urbanísticas.
O que resulta máis evidente é que hai unha cada vez máis fonda preocupación na cidadanía. O debate sobre o feísmo que sofre o país está a maior parte das veces vinculado a flagrantes irregularidades urbanísticas. As denuncias de particulares e colectivos non paran de medrar nos xulgados, que, tamén recoñecen dificultades para a investigación. Tampouco axuda a decisión de moitos políticos locais de non "xudicializar" a política, aínda que a veces os indicios delitivos nalgúns concellos semellen evidentes.
Dimisión en Cabanas
Modesta Anca, a rexedora socialista que desde 1983 estaba á fronte do Concello de Cabanas, anunciou este xoves que deixaba o cargo, tal e como llo esixira a executiva do PSdeG, despois de que recentemente fora condenada a oito anos de inhabilitación por delito urbanístico. Inicialmente, Anca rexeitara deixar o posto, xa que a sentenza aínda non é firme e a alcaldesa consideraba que era froito dun erro de xestión e confía en finalmente a xustiza avale a súa inocencia. O castigo xorde dunha licenza de obra concedida para a construción dunha ducia de vivendas en San Martín do Porto, preto da desembocadura do Eume, proxecto que tiña informe desfavorábel da aparelladora municipal e autorizado durante as vacacións desta polo seu substituto.