Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
PREPARAN REFORMAS DA LEXISLACIÓN MEDIOAMBIENTAL

A UE propón avanzar na vía penal contra os vertidos ao mar

A Comisión Europea vai presentar unha proposta lexislativa sobre a protección do medio ambiente por medio do dereito penal". O anuncio aparece nun comunicado do executivo comunitario onde se fai referencia á necesidade de establecer "uns niveis mínimos de sancións criminais para ofensas medioambientais serias, incluído o tráfico ilegal de residuos". A nova coincide co paso preto de Galiza do Probo Emu, petroleiro xemelgo do que causou unha recente catástrofe en Costa do Marfil, e sobre o que o PP pediu no Europarlamento que se estableza unha vixiancia especial. Desde o Ministerio de Medio Ambiente propoñen que a Unión Europea lidere unha iniciativa internacional para que "o réxime xurídico dos responsábeis dos buques contaminantes se esquipare ao dos xestores de residuos perigosos en terra".

- 17:43 26/10/2006
Tags:

Sancións "criminais efectivas, proporcionadas e disuasorias". Nesa liña vai a intención da Comisión Europea, que quere afondar nas iniciativas que melloren o cumprimento da lexislación xa existente sobre transporte marítimo de residuos e estimular os esforzos entre os Estados membros no control da situación actual.

O Consello Europeo de Medio Ambiente tivo xuntanza esta semana e o tráfico marítimo de sustancias perigosas apareceu en lugar destacado da axenda, máis aínda despois do recente accidente protagonizado polo buque Probo Koala, que logo dun traxecto que o levou a través de diversos portos europeos, causou unha grave catástrofe en Costa do Marfil, onde deixou milleiros de intoxicados polos seus vertidos e unha ducia de mortos.

Cara ao control e seguimento estreito dos buques perigosos
A xuntanza dos ministros europeos con responsabilidades vencelladas serviu ademais para consensuar a posición da UE fronte á próxima reunión da Convención Basel, do programa de Medio Ambiente das Nacións Unidas, onde se tratará dos problemas das exportacións de produtos tóxicos e da importancia de debater sobre delitos ecolóxicos que a miúdo afectan conxuntamente a varios países. De xeito concreto vaise propoñer o reforzo do sistema de seguimento de tráfico marítimo de mercadorías perigosas, coa fin de que as iniciativas a nivel da UE sexan incorporados pola Organización Marítima Internacional.

A ameaza do 'Probo Emu'
Co accidente de Costa do Marfil na memoria recente, coincide o paso por augas atlánticas do Probo Emu, buque similar ao que causou o sinistro no país africano. O eurodeputado galego do PP, Daniel Varela, presentou pregunta na UE sobre o buque en cuestión, pedindo explicacións sobre os portos comunitarios por onde xa estivo e avisou que os movementos deste barco son "preocupantes" e "sospeitosos".


0/5 (0 votos)