O conselleiro de Presidencia, Xosé Luís Méndez Romeu, lonxe de recuar, volveu referirse á necesidade dun "consenso" que valide tamén a forma castelán 'La Coruña'. Romeu, nunha recepción os medios na consellaría, chamoulles "fundamentalistas lingüísticos" os que defenden a legalidade vixente. O deputado nacionalista Bieito Lobeira advertiulle o conselleiro que ten que cumprir a legalidade e que as súas palabras contradin gravemente o pacto de goberno.
Gravación íntegra das declaracións:
Méndez Romeu volve cuestionar as leis aprobadas por todos os partidos galegos. O conselleiro coruñés cre que é preciso abrir de novo a discusión sobre o nome da cidade herculina. Romeu vai máis aló e critica abertamente a sectores próximos o BNG: "Dentro do mundo nacionalista seguen existindo grupos que teñen unha certa dificultade para aceptar que unha sociedade moderna funciona sobre consensos. Que teñan que discutir todos os días como se chama este país é un tema difícil de explicar". Para Romeu, os galegos viven con "normalidade" a denominación da cidade tamén en castelán e cualificou as loitas polo respecto á legalidade como "conflitos artificiais".
O BNG recorda que hai un pacto do bipartito para respectar a Lei de Normalización aprobada no seu día polo Parlamento de Galiza. Bieito Lobeira califica de graves e desafortunadas as declaracións de Romeu e agarda que "entre en razón". Os nacionalistas advírtenlle que non pode amparar posturas que vulneran a legalidade vixente.