Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O CORPO DESPREGARASE DE XEITO GRADUAL

O borrador da "Lei da Policía de Galiza" inclúe a xestión do tráfico viario

A consellaría de Presidencia traballa xa nos últimos detalles do borrador do proxecto de lei de Política Autonómica de Galiza, que recolle polo miúdo as competencias a asumir por este corpo en materia de seguridade cidadá, policía administrativa e policía xudicial, e que de xeito concreto subliña a súa función na vixilancia e control do tráfico nas estradas galegas. O documento inclúe tamén mecanismos para a incorporación dos galegos que xa forman parte dos corpos policiais estatais e da Garda Civil. E antes desta iniciativa probabelmente sexan xa aprobados os proxectos de lei da Academia de Seguridade e de coordinación das policías locais.

- 14:54 18/10/2006
Tags:

"É un proxecto cunha forte carga simbólica", explicou o presidente da Xunta no Parlamento, indicando que será "un elemento de especial dinamización do autogoberno" e máis "nun momento onde se deben buscar mecanismos que permitan fortalecer o marco autonómico cara a reforma do Estatuto". Ao tempo defendeu que os primeiros pasos cara esta policía galega foran dados no seu momento "polo goberno tripartito presidido polo presidente socialista Fernando González Laxe". Emilio Pérez Touriño explicou que "en ningún modo se trata de eliminar a presenza doutros corpos de seguridade do Estado", pero recoñeceu que o proxecto inclúe un modelo de integración voluntaria dos efectivos de Policía Nacional e Garda Civil.

A intervención de Touriño chegaba en resposta á pregunta do BNG sobre os prazos manexados para a entrada en funcionamento do corpo policial galego. Sobre o tema, o voceiro do BNG na Cámara, Carlos Aymerich, comentou que o goberno galego deber darlle "un impulso a unha política que integre a prevención e o mantemento da seguranza cidadá, entendida como unha situación en que os dereitos e liberdades poden exercerse sen coacción". "Queremos unha policía galega integral que vaia sustituíndo progresivamente ás forzas de seguridade do Estado", expuxo Aymerich, laiándose de que deica agora "houbo unha certa doutrina asentada segundo a cal Euscadi e Cataluña podían ter a súa policía e os demais se a queren que a paguen".


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: