Un mapa de Galiza, no que tamén se poden ver os territorios históricos que quedan fóra da actual división administrativa, ergueu polémica en determinados medios de comunicación galegos e zamoranos. A algúns sectores moléstalles que haxa profesores que empreguen o documento con fins didácticos. A dirección de Nós-UP vén de facer público un comunicado no que recoñece a autoría do mapa, que se remonta xa a 2003.
Para a organización independentista esta nova polémica é artificial. Alegan que a estrutura comarcal foi entregada hai tres anos a entidades, institucións e persoas interesadas. Dende Nós-UP apuntan que o profesorado galego máis consciente e rigoroso, sabe que o ensino da lingua e da historia de Galiza ultrapasa a división provincial española. Nós-UP subliña que incluso a elaboración desta carta contou con moitos colaboradores que viven nos territorios históricos.
A formación política acusa á Xunta de "evitar" iniciativas relacionadas coas comarcas irredentas. Nós-UP cre que o bipartito repite a visión do PP e renuncia á fonda relación que existe con estes territorios. Os independentistas sosteñen que os cidadáns desas bisbarras teñen os mesmos dereitos ca os da Galiza administrativa e, polo tanto, tamén o de decidir o seu futuro.