Aínda que semelle incríbel, ata o de agora nunca houbo axentes que investigasen a corrupción urbanística en Galiza. Todo o mundo fala de mafias pero moi poucas veces se poden ver alcaldes ou concelleiros que acaben na cadea por meter a man na maseira urbanística. As razóns son múltiples, mais unha fundamental é que ninguén se preocupa de atar os cabos para descubrir a verdade. O goberno central anuncia a posta en funcionamento dunha pequena brigada da Garda Civil que se dedicará exclusivamente a este labor.
Cando hai uns meses todos os focos de televisión viraron cara Marbella houbo moitos que contiveron o alento. Determinadas organizacións veciñais denunciaron que se cocían fabas semellantes en moitos municipios do Estado. O noso país non se libraba, nin moito menos, deste andazo. No punto de mira da especulación máis salvaxe estaría todo o litoral, especialmente a Mariña lucense e a Costa da Morte. Con denuncias e todo, Galiza aínda terá que agardar un ano máis para contar cun grupo de axentes especializados na loita contra a corrupción urbanística.
Na actualidade, o Servizo da Protección da Natureza (Seprona) da Garda Civil é o organismo encargado de perseguir construcións ilegais nas zonas naturais protexidas. A propia Consellaría de Política Territorial decidiu poñer este ano a un grupo de funcionarios a percorrer o país cunha función similar. Aínda así, ningún destes dous servizos ten como misión perseguir os políticos ou empresarios que se enriquecen coa ilegalidade urbanística. Dende a devandita consellaría déixano claro: non teñen competencias para isto. O que si poden é estremar as medidas de control sobre os plans urbanísticos que lles chegan dende os municipios. "Outra cousa é que logo os concellos cumpran o que poñen no papel", subliña escéptica unha traballadora deste departamento da Xunta.