O Consello Nacional do BNG apoiou masivamente esta fin de semana o informe de xestión presentado por Anxo Quintana. Un 83% dos militantes que teñen voto no órgano nacionalista aprobaron o documento. En contra do mesmo posicionáronse o 8% dos asistentes. O Consello Nacional tamén aprobou celebrar a XII Asemblea Nacional en Santiago. A dirección frentista deixou o camiño aberto para que as vindeiras citas asemblearias sexan por delegados.
Anxo Quintana logrou esta fin de semana unha dobre vitoria. Por un lado, obtivo un amplo apoio ao seu informe político de xestión e polo outro conseguiu achanzar o camiño para un futuro abandono do asemblearismo. Se o mes pasado non foi quen de impor asembleas por delegados, nesta ocasión obtivo o apoio da UPG, que daquela votara en contra. Os días 2 e 3 de decembro celebrarase a ultima asemblea a onde poderán acudir todos os militantes. Se as teses actuais se consolidan, os afiliados escollerán primeiro a uns delegados que os representarán no plenario bianual.