O BNG segue mergullado nos preparativos da XII Asemblea Nacional. Cando falta un mes e medio para a grande cita da organización, as pezas non deixan de moverse no taboleiro interno. A asemblea pode ser a última a que acuda toda a militancia frentista, o sistema de delegados está cada vez máis preto. Tamén se proporá a supresión do cargo de presidente do Consello Nacional. A cita será histórica, por primeira vez os nacionalista están na Xunta e volverá haber máis dunha lista ao Consello Nacional.
O Bloque é xa un fervedoiro. A proximidade da XII Asemblea Nacional está erguendo, como é habitual, moitas expectativas entre a militancia. Polo de agora, a chamada Alternativa, encabezada por Camilo Nogueira e Rodríguez Feixó, e o chamado Encontro Irmandiño, no que se integra Xosé Manuel Beiras, xa anunciaron que batallarán pola dirección frentista. Tamén se segue con atención os pasos de Movemento pola Base, corrente constituída hai poucos meses. Os sectores críticos coa actual dirección sinalan que pretenden recuperar a "a democracia e pluralismo interno" e reforzar a "conciencia nacional" dentro do BNG. A gran incógnita é se estas forzas van confluir e quen será o encargado de pilotalas.
Máis aló desto, a comisión redactora das teses do BNG para a próxima asemblea traballa sobre dous eixos: a supresión do cargo de presidente do Consello Nacional e futuras asembleas de delegados. Precisamente este último asunto pode ser un dos que máis discrepancias erga. Mentres que hai sectores que consideran que chegou o momento de delegar a representatividade por razóns de organización interna, outros consideran que se racharía un dos principios máis xenuinos do Bloque, o asemblearismo. Menos problemas deberia dar a supresión do cargo de presidente do Consello Nacional, xa que está vacante dende a dimisión de Beiras.