Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
DENUNCIAS NA IGREXA

Iglesia sin Abusos denuncia que Rouco nunca quixo recibilos para estudar medidas contra os pederastas

O caso dun cura madrileño acusado de abusar sexualmente dun menor quedou visto para sentenza. A fiscalía solicita sete anos de cadea para Felix Sanz e que a Igrexa, como institución, indemnice con 60.000 euros a familia afectada. Vieiros contactou onte coa asociación Iglesia sin Abusos, que denunciou o feito diante da xustiza. Os membros deste colectivo acusan os xerarcas eclesiásticos madrileños, dirixidos polo cardeal vilalbés Antonio María Rouco Varela, de ter intentado tapar o escándalo para que non trascendese á opinión pública e incluso de "presionar" os denunciantes. Ademais, o relixioso galego sempre se negou a recibir ao colectivo que demanda medidas para acabar coa lacra dos abusos sexuais.

- 12:35 10/10/2006
Tags:

Nos vindeiros días un tribunal pronunciarase sobre o caso de abusos sexuais a un rapaz de doce anos na parroquia madrileña de Santo Domingo de Guzmán que, supostamente, terían acontecido entre 1998 e 2001. A fiscalía e a acusación particular consideran que o párroco Félix Sanz, que ten 73 anos na actualidade, empregou a sacristía para cometer os delitos. A entidade Iglesia sin Abusos considera que hai unha responsabilidade directa dos mandatarios relixiosos e, por isto, a institución tería que facerse cargo das indemnizacións no caso dunha sentenza desfavorable.

José Antonio Águeda Iniesta, membro de "Iglesia sin Abusos", declaraba onte a Vieiros que a asociación vai continuar denunciando todos os casos de pederastia dos que teñan coñecemento. Águeda sinala que o colectivo naceu a raíz deste escándalo pero a súa idea é pervivir no tempo, ata que a Igrexa, como institución, decida loitar realmente contra esta lacra. No colectivo non están nada contentos coa postura que mantivo o cardeal de orixe galega nin os demais membros da xerarquía madrileña: "Intentamos contactar moitas veces con Rouco pero nunca quixo recibirnos". Águeda recoñece que as manobras da Igrexa foron moito máis aló e que houbo presións "moi fortes" sobre os denunciantes.

O exemplo dos Estados Unidos

Nos últimos anos os casos de pederastia dentro da institución eclesiástica comezaron a saír con máis forza á luz pública. O caso dos Estados Unidos foi o máis sintomático na última década. Neste país, as autoridades eclesiásticas defenderon xudicialmente os cregos encausados e as sentenzas desfavorables obrigáronos a desembolsarlles cantidades multimillonarias (en dólares) ás familias afectadas. A crise chegou a tal punto que houbo dióceses en bancarrota debido a estes escándalos. De feito, nalgúns casos, a Igrexa tivo que recorrer á venda de propiedades para facer fronte ás resolucións xudiciais. A esto súmase a forte perda de credibilidade que sufriu a institución e a correspondente perda de ingresos. Resulta especialmente curioso o feito de que Igrexa Católica considere os abusos aos nenos como un pecado mortal e o mesmo di do encubrimento deste delito.

Dende mediados do século pasado, máis de 4.300 cregos católicos dos EE.UU estiveron implicados en presuntos casos de abusos sexuais a menores. A Igrexa sostén que na actualidade hai unha política impulsada desde o Vaticano que reduciu este tipo de delitos e que persegue a súa completa erradicación.


0/5 (0 votos)