Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
PUBLICACIÓN HERDEIRA DA FUNDADA POR CASTELAO E DIESTE

O novo número de "reNOVAGALIza" reúne traballos de galegos no exterior

Este mércores deuse a coñecer o segundo número da revista reNOVAGALIza, editada polo Foro Civico Galego de Barcelona. É un monográfico que titularon Galiza Global: galegas e galegos no mundo, e presentouse na Arxentina que a tantos dos nosos acolleu. Esta publicación reune máis de 50 traballos e textos de galegos e de descendentes seus repartidos por todo o mundo en perto de 300 páxinas, aínda que isto só é a primeira parte doutra revista na que participarán Ramón Chao, Ignacio Ramonet e Fermín Bouza, entre outros persoeiros.

- 18:50 04/10/2006
Tags:

O Foro Civico Galego de Barcelona, ao tempo que presenta a segunda achega de reNOVAGALIza, xa anuncia a seguinte, que se publicará en 2007. Nela participaron personalidades galegas tan importantes como Ramón Chao, Ignacio Ramonet, Fermin Bouza, ou o Ministro de Cultura de Venezuela, e aos organizadores supúxolles o reto de aglutinar a voces que ata agora non se xuntaran nunca. Para esta revista, a Arxentina tamén se fixo escoitar a través dos traballos da escritora e investigadora Maria Rosa Lojo e do historiador Ruy Farias, entre outros profesionais de diversas áreas.

Esta revista pretende ser herdeira "renovada e actualizada" da tradición de publicacións galegas na emigración, neste caso en Cataluña, como foi o caso da revista Nova Galiza, fundada en Barcelona por Castelao e Dieste en 1937 ou Nueva Galicia. Portavoz de los antifascistas gallegos(1936-1938) que, fundada en Madrid, se editou durante un tempo na cidade de Barcelona.

Segundo explica a xornalista e redactora da publicación, Débora Campos, "non se trata de que todos miren cara Galiza como a terra añorada". Pola contra, "trátase de reunir, intercambiar, comunicar e proxectar" o que cada un está facendo para dar corpo a esa idea de galiza global cunha cultura plural vista desde dentro do país e desde fóra. A revista está sendo presentada en varias capitais do mundo e a compiladora e coordinadora dos artigos, Ana Miranda, desprazouse até a cidade porteña para asistir ao lanzamento "dun novo modo de entender a relación entre a chamada diáspora e o seu lugar de orixe", explica Campos.

Pola súa banda, Ana Miranda, coordinadora da emigración para Europa e América, desenvolve o seu labor de cara a reNOVAGALIza xuntando os espazos nos que reside a diáspora galega e Galiza, ademais de reunir tamén a escritores, músicos, xornalistas, científicos, investigadores e outros artistas de todo o mundo que teñen orixe galega, segundo afirma Campos.

Á presentación do monográfico seguirana máis publicacións e actividades, din desde o Foro Cívico, co obxectivo de que esas producións circulen polo mundo, tanto as que se xeran na Arxentina como as que nacen en Venezuela, Bélxica, Xapón, os Estados Unidos ou calquera lugar no que haxa un galego ou descendente.


0/5 (0 votos)