Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
DEBATE SOBRE O ESTADO DA NACIÓN

Entre a reforma do Estatuto e a teoría dos gobernos paralelos

A primeira sesión do Debate sobre o Estado da Nación xirou arredor do novo Estatuto, aínda que, paradoxicamente, este foi un dos temas que menos tension creou ao longo do pleno. O líder do BNG, Anxo Quintana, ofreceu consenso neste asunto e o do PPdeG, Alberto Núñez Feijoo, recolleu a luva. Feijoo está disposto a avanzar no novo Estatuto antes de final de ano coa condición de que a reforma poida inscribirse no actual marco constitucional. Pola súa banda, o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño avogou por un Estatuto que recolla "sen dramatismo o carácter nacional" de Galiza. Os conservadores expuxeron insistentemente a teoría do dobre goberno paralelo. Dende o bipartito negaron esta acusación e sinalaron que a súa xestión logrou máis transparencia e importantes avances sociais. Ademais, pedíronlle a Feijoo que abandone as posicións de "extrema dereita".

- 10:12 04/10/2006
Tags:

As posturas quedaron marcadas dende un primeiro momento no debate de hoxe. Moitos nervios. Non era para menos: Un presidente e un vicepresidente novos e un xefe da oposición na mesma tesitura. Como non podía ser doutra maneira, o debate político foise encendendo conforme foron pasando as horas, especialmente nas quendas para réplicas e contrarréplicas que tiveron lugar pola tarde. Touriño debullara pola mañá un discurso no que fixo especial fincapé nunha acción de goberno caracterizada polas "políticas pensadas para os cidadáns". Na súa alocución, Touriño destacaba que era imprescindible crear emprego no país para evitar a marcha da mocidade, tal e como viña acontecendo nos últimos anos. Estas políticas laborais, dixo, teñen que ir acompañadas de accións que reforcen o benestar social. Por vez primeira, o discurso dun presidente xirou amplamente sobre a necesidade de reordenar o territorio. O máximo representante do Goberno Galego sinalou que este velará pola legalidade urbanística en todo o país. Para este traballo pediu a colaboración dos municipios. Un dos anuncios estrela do discurso foi o de que se van investir 330 millóns de euros nun plan de saneamento das rías galegas. Pero Touriño non pasou por alto o espiñento asunto da Cidade da Cultura. Asegurou que o bipartito vai loitar para "converter ese desastre nun éxito". O seu discurso foi aplaudido dende os escanos socialistas e nacionalistas.

Pola súa banda, Anxo Quintana soubo buscar o seu lugar no debate. O nacionalista foi enfiando diferentes problemas e retos aos que se enfronta ao país, que teñen difícil solución sen un aumento da capacidade de autogoberno. O líder do BNG deixou claro que a reforma do Estatuto é unha prioridade pero sinalou que "se antes de que remate o ano non hai un acordo haberá que asumilo". A este respecto dixo que "este goberno non vai permitir que se produza neste país a parálise doutros sitios", explicou en clara referencia ao caso catalán. Aínda así, no discurso de Quintana foi onde máis puido verse a autocrítica. Afirmou que, pese aos avances dos últimos meses, "a cidadanía espera máis de nós". O líder dos nacionalistas baixou á area política para defender ao conselleiro de Medio Rural; avisou que, pese á crise de incendios vivida, as políticas de cambios estruturais no agro non teñen volta atrás. Dixo que aceptaba as críticas polos posibles erros e que a mellor comisión sería a que puxera as bases para un cambio no aproveitamento dos montes.

O líder dos populares buscou en todas as súas intervencións sementar as dúbidas sobre a lealdade entre os propios socios do goberno. Feijoo non só falou de dous executivos paralelos, con dous presidentes respectivos, incluso puxo sobre da mesa as supostas malas relacións entre o presidente da Xunta e o Conselleiro de Presidencia, Méndez Romeu. Feijoo quixo facer ver que, dentro das diferencias, tiña máis sintonía co vicepresidente. Incluso prometeu traballar polo novo Estatuto porque "parece que vostede vai en serio neste asunto". Eso sí, deixou claro que non vai permitir nada que non respecte a Constitución. Nunha interevención na que non faltaron as chanzas, o dirixente da dereita galega criticou o que el considera unha "parálise" da Xunta. Sostén que o goberno está demasiado ocupado en criticar a anterior etapa do PP. Para o Pacto Forestal puxo como condicións que funcionase a comisión de investigación, a demisión de cargos de Medio Rural e un investimento do goberno central de 150 millóns de euros para repoboar os montes.

Hoxe proseguirá no Hórreo o Debate sobre o Estado da Nación. O debate ten pendente un tema enriba da mesa: un compromiso serio de sacar un novo Estatuto para Galiza. De feito, dende o bipartito consideran que o PPdeG tenta ralentizar a aprobación do mesmo de maneira deliberada. A sesión reanúdase ás dez da mañá.

Discursos íntegros: Touriño e Quintana


Ligazóns

0/5 (0 votos)